Marcos Abalde: “Temos o deber da rebelión, de non dominar nin deixar que nos dominen”

EntrevistaMarcos Abalde de Montse Dopico a Marcos Abalde en Praza:
“”Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión, para parar a roda do mal, da infamia”. Iso di Marcos Abalde. E diso falan os seus dous últimos libros, Exhumación (Xerais), IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei, e Oenach (Espiral Maior), XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Antes destes dous poemarios, coñeciámolo polas súas pezas de teatro. Mais as temáticas son as mesmas. Como erguer a fraternidade no medio da depredación. Falamos con el das dúas últimas obras e recuperamos partes dunha conversa anterior sobre a súa creación teatral.
– Praza: O xurado dixo de Oenach que era unha adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Coma Exhumación, é un libro sobre a opresión. Como toda a túa obra.
– Marcos Abalde: A opresión, a dominación, é o tema que máis me preocupa, si. A dominación en todos os aspectos: entre pobos, linguas, clases sociais, entre homes e mulleres… Non sabería explicar moi ben as diferenzas, nese sentido, entre Oenach e Exhumación. Son as mesmas obsesións… Se cadra porque é o tema que nos urxe resolver. Non podemos caer no fatalismo de que non hai saída á explotación do home polo home. Na historia as cousas foron mudando e hai esperanza de seguir mudando a sociedade. A idea de que a fin da historia é o capitalismo liberal é unha superstición. (…)”

Propostas con premio: Oenach, de Marcos Abalde, por Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Marcos Abalde, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) Oenach, que resultou gañador da décimo cuarta convocatoria do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, cun xurado composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, constituirá a súa próxima publicación. Velaquí un diálogo inspirado neste libro.
– Ramón Nicolás (RN): Até o de agora a súa presenza como autor adheríase ao mundo da dramaturxia. Oenach supón algo máis que un cambio de xénero?
– Marcos Abalde (MA): A mim interessa-me umha literatura dissidente no político e também no género. Que nom se saiba muito bem se foi escrita por umha mulher ou por um homem, se é poesia ou teatro. Como nos ensinam os e as trabalhadoras da outra beira do Mediterrâneo, o melhor que podemos fazer com as fronteiras é saltá-las. (…)
– RN: Daquela, cal é a poesía que máis lle interesa hoxe, como lector e como creador?
– MA: Eu tenho umha simpatia natural pola gente rabuda, por isso admiro umha literatura que seja capaz de se confrontar com o tabu, que questione umha língua danada polo fascismo. Umha literatura que se negue a emigrar, quer dizer, que a sua simples presença implique a revolta. Umha literatura ciente de sermos mais um elo dumha cadeia de geraçons emudecidas. Teresa Moure, Patrícia Janeiro, Olga Novo, Chus Pato, Vanesa Sotelo ou Eva Freixeira som alguns dos nomes que estám a expandir esta fraga indomável.”

Marcos Abalde gaña o XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, con Oenach

“En Sarria a 10 de maio de 2014.
Reuniuse o xuri do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados, o ditame final realizouse sobre dúas obras. A que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema Oenach e seudónimo Humus é a presentada baixo o lema Chegaron os xinetes das primeiras xeadas, da que aconsellamos a súa publicación.
Na obra gañadora, Oenach, destacamos a súa boa construción e alento poético, as recurrencias míticas e a denuncia da ignominia: Ceuta, Lampedusa, Tijuana, Guernika, San Simón… Hai neste libro unha feliz adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Hai poesía e hai terra.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema Oenach resultou ser da autoría de Marcos Abalde Covelo.”