Desde Galaxia:
“O escritor Daniel Asorey, profesor de Ensino Secundario e coautor do libro de narrativa De soños e memorias (2003), obtivo o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016, que se deu a coñecer hoxe na Coruña, cunha obra titulada Nordeste. A historia desenvólvese en dous mundos en interconexión: o sertão brasileiro e unha ucrónica República Galega. Nel as terras da Bahía, o Rio Grande do Norte e São Paulo son colonias dunha Galicia de expansión ultramarina.
Na súa decisión, o xurado pon de relevo “o sobresaínte acabado estilístico destas páxinas, inzadas de poderosas imaxes e símbolos ben atraentes, que conseguen fascinar tanto pola evocación coma pola recreación de paisaxes e escenarios”, ademais da “intensa capacidade de fabulación, suxestiva amálgama de tempos e espazos así como unha atractiva arquitectura do relato”.
O xurado estivo formado por Marcos Calveiro, gañador da edición anterior, Euloxio Ruibal, en representación da Real Academia Galega, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Armando Requeixo, nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra será publicada por Editorial Galaxia no próximo mes de novembro.”