As V Xornadas de Literatura e Ensino levan o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), están organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). A coordinación corre a cargo de Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Carlos Negro Romero, vogal.
Santiago de Compostela (IES Fontiñas – Rúa Estocolmo, 5) –como chegar–
15 de outubro
*
Matrícula
Dende o 15 de setembro até o 13 de outubro en www.as-pg.gal.
Homologación
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 8 horas.
Prezos
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG.
Nesta V edición, baixo o título Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), apostamos por partillar un menú completo e equilibrado que alimente os tempos de lectura, ociosa e formativa, pairando a nosa ollada na cartografía literaria máis actual, aquela que actúa como imprescindíbel activo, lector e coeducador, na escola construtora da utopía do futuro.
Os obxectivos xerais desta edición son achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula, ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea, facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente e incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.
En 2011 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) abría unha nova porta, a Xornada de Literatura e Ensino, dentro da casa común que abeira o seu Espazo Didáctico, vinculada á necesaria reflexión sobre a relación comunicativa entre escola, literatura e pensamento/expresión creativa, que, desde perspectivas actuais, dinámicas e próximas á realidade vivencial do alumnado e mais do profesorado, reactualizase a pedagoxía da literatura de noso nas aulas.
Analizar o presente literario na escola, cada vez menos presente nos currículos escolares oficiais; adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos; concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado; reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura; partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e a mocidade, da man dos escritores e escritoras da literatura galega contemporánea ou valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa, foron algúns dos obxectivos que guiaron os pasos transitados nas sucesivas edicións das xornadas.
Programa
Café para tres
9:30 – 11:30
Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?
– Dolores Vilavedra
– Isaac Lourido
– Teresa Seara
Sesión vermú
11:30 – 13:30
Ficcións narrativas para conquistar novos públicos.
– Xosé Monteagudo
– Ledicia Costas
– Xosé Duncan
Sobremesa en acción
16:00 – 18:00
Obradoiros literarios con propostas de textos contemporáneos para as aulas
– Rosalía Fernández Rial (teatro / poesía)
– Antía Otero (poesía / videocreación)
– Francisco Castro (narrativa)
Hora da merenda
18:00 – 20:00
Que literatura galega nos piden os tempos?
– Camilo Franco
– Helena González
– Álex Alonso
*
Obxectivos
– Achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula.
– Ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea.
– Facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente.
– Incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.