Xurxo Souto e a “experiencia marabillosa” das 100 arribadas

DesdeXurxo Souto AELG Sermos Galiza:
“As 100 arribadas –actos relacionados con Contos do mar de Irlanda (Xerais)-, todo un fito na promoción dun libro galego, representan para Xurxo Souto “unha experiencia única e marabillosa que non creo que se volva repetir”. O autor explica, en declaracións a Sermos Galiza, como partindo da literatura foi quen de coñecer o país e de levar esas historias a cidades alén das nosas fronteiras.
Sinala que, após tantos encontros, aprendeu unha morea de historias. “Unha das máis fermosas tivo lugar en Froxán, no Courel. Alí contáronme que a casa máis bonita era a do Calexón, que emigrara ao País Vasco e que fora mariñeiro en Terranova. Cando volvía, enchía o patín da casa de follas de bacallau e os rapaces estaban abraiados, dicían que aquilo era un mundo impresionante”.
Nas cen arribadas, o libro de Xurxo Souto xerou un fecundo hipertexto, o documentario Dos gaiteiros do mar, de Martín Rodas e Dani Lavesedo e a exposición O pintor Ksal e outras historias do mar (AVV Casco Vello de Vigo). “No meu caso este hipertexto non ten a ver co virtual, pois foi algo físico e real”, sinala. “Os gaiteiros forman agora un grupo estábel e O Berbés, a colleu a mostra dun pintor que creaba a bordo de bacallaeiros. Pintaba na sala de máquinas e chegou a expoñer en Terranova, mais non en Vigo. E grazas ao Berbés foi coñecido o seu legado. Fíxate, como terrícola, non sabía que a bordo dos barcos se pintaba e que en Terranova se facían cancións en galego”, salienta.
O escritor advirte de que a falta de coñecemento da sociedade arredor do mar “é un problema”. “O mar non existe na nosa educación malia ser un elemento económico fundamental. O mar non é pasado, senón futuro, pero tendemos a velo como algo folclórico e pintoresco”, afirma. (…)”