Justo Beramendi: “Do cambio radical das Irmandades bebe todo o nacionalismo posterior”

EntrevistaJusto Beramendi a Justo Beramendi en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vostede é o principal especialista nas Irmandades da Fala. Ten a listaxe máis completa dos militantes e o seu libro De provincia a nación segue a ser referencial no estudo desta época. Cal é foi a dimensión histórica das Irmandades?
– Justo Beramendi (JB): A importancia das Irmandades é múltiple. Por unha banda, son as parteiras do nacionalismo galego propiamente dito, porque son as que protagonizan a transición de 1916 a 1918 do rexionalismo ao nacionalismo. E isto non é un simple cambio de nome. É algo moi importante desde o punto de vista ideolóxico e político, porque pasan de considerar que Galiza é rexión da nación española, a considerar que Galiza é unha nación e España non, é un Estado plurinacional. E de aquí derivan unha serie de reivindicacións políticas que se plasman no programa da Asemblea de Lugo e avogan por unha reformulación radical do Estado español, de maneira que se pase dun estado totalmente centralista a unha federación ou confederación de estados parcialmente soberanos. E aquí xa chega un cambio radical, e dese cambio bebe todo o nacionalismo posterior.
Tamén hai un cambio respecto do sistema político vixente daquela, que era un sistema parlamentario non democrático, e eles propoñen unha democracia representativa auténtica, con igualdade de dereitos para a muller e con unha eliminación do caciquismo, da fraude electoral, dos abusos, etc. E logo na cuestión da lingua tamén supoñen un salto cualitativo porque até ese momento os galeguistas defendían a lingua galega, pero en castelán maioritariamente, e no ámbito da poesía. A partir das Irmandades hai unha coherencia entre teoría e práctica e grazas a elas Galiza asiste ao que podemos chamar o segundo Rexurdimento, de maneira que o galego queda definitivamente incorporado á prosa. E logo, no ámbito político antes do 31 non conseguen gran cousa, pero logo o Partido Galeguista recolle a herdanza das Irmandades e propicia nos anos da República o proceso autonómico. Iso quere dicir que boa parte das cousas que hoxe consideramos normais e naturais, como a autonomía política, a oficialidade do galego, a lingua no ensino, etc. en realidade teñen o seu punto de partida nas Irmandades. (…)
– SG: Pois aproveito para facer unha última pregunta que sempre lle quixen facer. Como remata un enxeñeiro madrileño converténdose no principal historiador do nacionalismo galego?
– JB: Iso é unha historia longa e complicada. Por unha serie de azares da vida eu tiven que saír fuxindo de Madrid por mor da policía política de Franco, así que fun para Barcelona, onde a miña cuñada estaba casada cun galego, Xosé Manuel Casabella, arquitecto. E alí entrei en contacto con Galiza, coa colonia galega que nos axudou e nos acolleu. E nesa colonia coñecín a César Portela, que estaba organizando naquel momento o Colexio de Arquitectos de Galicia, e contratoume a min para levar a Comisión de Cultura, así que no 74 vinme para acá. E eu empezara como segunda carreira Historia -Filosofía e Letras, vaia- en Barcelona e remateina aquí, que era o que me gustaba, non enxeñería. E aquí entrei en contacto cun ambiente nacionalista ou filonacionalista que me convenceu. Cousas da vida. Non estaba programado, pero saíu así. E non saíu mal.”