Desde Sermos Galiza:
“(…) No seu despregar son 18 autores e autoras que naceron entre 1985 e 1997. No volume, publicado por Apiario, podemos atopar poetas xa recoñecidos e con obra publicada como Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial ou Ismael Ramos, entre outros, aínda que tamén novos valores curtidos en fanzines, blogs ou na propia revista Dorna. E un caído en combate, Fran Cortegoso, finado o pasado outubro.
Elas e eles son, por orde alfabética: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.
Como xornalistas que somos buscamos unha traza común, unha etiqueta para os nomear, até que nos demos de fuciños coa realidade en forma de editora, Antía Otero, que negou a maior: “No seu despregar’ nace como unha idea de recompilación, de antoloxía, non con ningunha vontade de etiquetar. O propio título refírese a iso tamén, como unha idea de despregable, de mostra. No texto das editoras falamos precisamente disto. Creo que son autores que comparten un tempo, seguramente un espazo e seguramente uns referentes, unha ollada ou non. O único é que hai é un marco cronolóxico, pero non hai máis”.
E abonda: “Este libro, desde logo, non quere marcar unha xeración. Nace como unha mostra de cales son eses novos impulsos na escrita, pero sen vontade de xerar ningún nome nin etiqueta. É máis, nace con outra vontade, de que sexa o lector/a quen descubra os vasos comunicantes entre eles, que os hai”. (…)
Preguntada polas diferenzas desta xeración coa anterior, Otero considera que “para min a xente que escribe agora está moito menos encorsetada, moito menos acomplexada, que cren moitísimo máis no que fan, e cunha altísima calidade. Pero sobre todo esa idea de que non teñen corsé nin o queren. Creo que as voces deben ser individuais, compartes un tempo físico e non significa que sexas igual que o teu compañeiro. Non quere dicir nada que nazas parello a alguén. Por iso nos gustou a idea de despregar. Interesanos moito a idea non xerárquica, a idea transversal do despregable, coma quen desprega un mantel nunha mesa e séntanse todos a comer. E non hai postos de mellores nin peores e xenéranse sinerxias entre eles. Esa é a vontade deste libro. Non é a de buscar unha etiqueta en ningún caso”.”