Desde a Real Academia Galega (foto de Ivo Santos):
“A Real Academia Galega, da man da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL), presentou o 19 de xaneiro neste centro o libro que acaba de editar en homenaxe á profesora lusa Elsa Gonçalves, unha das figuras máis sobranceiras da lírica trobadoresca galego-portuguesa e doutora honoris causa pola devandita universidade. O volume xunta unha escolma de estudos da investigadora, que estivo arroupada no acto por colegas de distintos países.
Ao coidado do secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e dos filólogos lusos João Dionísio e Maria Ana Ramos, De Roma ata Lixboa. Estudos sobre os cancioneiros galego-portugueses recolle trinta traballos sobre lírica medieval da investigadora publicados entre 1976 e 2016, entre eles varios sobre a poesía do rei Denis, Martin Codax ou a Tavola Colocciana. Na presentación do libro, editado en colaboración coa FLUL, interveu tamén en nome da RAG o seu presidente, Xesús Alonso Montero.
Malia a calidade das achegas de Elsa Gonçalves, boa parte eran até agora de difícil acceso porque a súa non foi unha carreira académica convencional. “Por iso propuxemos homenaxeala rescatando os seus traballos”, explica Henrique Monteagudo, quen destaca a “ética profesional” dunha persoa “realmente entregada á investigación”. “Nunca buscou figurar nin facer unha carreira no sentido competitivo. Desenvolveu un traballo silencioso pero moi sólido, moi bo”, sintetiza.
João Dionísio apunta na mesma liña que De Roma ata Lixboa é unha compilación de estudos “marcados tanto por unha grande humildade como por unha argucia e saber singulares en relación ao que hai de descoñecido ou incerto ao respecto da lírica galego-portuguesa”. “Elsa Gonçalves é certamente unha das estudosas que máis contribuíu, co rigor da súa análise, ao coñecemento da lírica galego-portuguesa”, conclúe Maria Ana Ramos, quen sinala como un dos seus traballos máis emblemáticos a edición interpretativa de Tavola Colocciana. “Renovou todo o que conxecturabamos sobre a tradición manuscrita galego-portuguesa, sobre todo no relativo á confección dos cancioneiros copiados en Italia (Cancioneiro Colocci-Brancuti e Cancioneiro da Vaticana).”