“Onte 1821: Proxecto Bolxeviques”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
Presentamos na Libraría Pedreira de Compostela o proxecto Bolxeviques 1917-2017 / Bolcheviques 1917-2017, coordinado pola escritora Teresa Moure e editado por Xerais e Através editora. Un libro colectivo no que participaron 23 autores e autoras, que escriben en ortografías diferentes, presentado en dous volumes distintos publicados por dúas editoras que compartiron formato, deseño de cuberta (realizado por Ricardo Cabanelas) e interiores, así como axenda de lanzamentos. Nesta primeira presentación do proxecto acompañaron á coordinadora dous dos coautores, o xornalista Joel Gômez e o historiador Justo Beramendi.
Na súa intervención Teresa Moure desvelou que o proxecto de edición do libro tivera a súa orixe na proposta que fixera na reunión na que fora convidada polo Comité galego para a celebración da revolución bolxevique. “Aquel comité nunca chegou a ser presentado, mais o proxecto do libro foi adiante. Foron convidadas figuras importantes da historiografía, especialistas en diversas disciplinas (como as artes ou a comunicación), así como figuras da militancia comunista, relación de persoas participantes corrixida con criterios de xénero co obxectivo de conseguir paridade”. Despois de referirse aos contidos do proxecto, onde a palabra clave é “respeito”, entendida como “ollar dúas veces, ollar calmo”, e ao movemento editorial que comeza a existir na celebración do centenario da revolución, explicou como foi abordada a cuestión ortográfica e agradeceu o traballo das dúas editoras, Teresa Moure rematou salientado que “esta obra non é un panfleto propagandista do comunismo, é un ensaio que pretende contribuír á necesaria revisión do bolxevismo, ao tempo que non oculta o conflito normativo”. (…)
Justo Beramendi confesou que o encargo de Teresa Moure levouno a volver sobre as súas orixes, “ao meu primeiro traballo, que en 1974 conseguiu pasar a censura franquista, Miserias de la Economía, que publiquei con Eduardo Fioravanti, no que esculcabamos na orixe económica do marxismo e do marxismo leninismo”. “Eu de mozo fun bolxevique, pero non relixioso, achegueime ao bolxevismo con mentalidade crítica. Atraiume a vontade científica social do marxismo, o seu afán de construír unha ciencia da historia e das realidades humanas coa intención de transformalas”. “Daquela, en 1974, xa diciamos que o estado soviético non era unha sociedade sen clases. Con aquel espírito de revisar dogmas e teorías debemos achegarnos hoxe á revolución soviética para saber que leccións podemos tirar da súa experiencia”. “A revolución soviética aínda afecta ás nosas vidas, non desapareceu a sociedade de clases nin o estado para garantir a súa pervivencia. Debemos determinar que ideas continúan tendo a súa operatividade, polo que resulta difícil achegarse a elas sen prexuízos. Un risco inevitable para os historiadores medianamente decentes”. (…)”