Manuel Lourenzo: “O que me gusta é a traxedia grega”

Entrevista a Manuel Lourenzo en La Voz de Galicia:
“A comunidade educativa da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia concedeulle recentemente ao valadourense Manuel Lourenzo -actor, director de escena, dramaturgo, mestre e investigador- a mención Profesor Honoris Causa.
(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que foi o mellor á hora de recibir esta mención en Vigo?
– Manuel Lourenzo (ML): O mellor foron os abrazos, os saúdos e os bicos porque coñezo a moita xente alí. Atopei xente que foran alumnas miñas, algúns profesores cos que traballei… ¡Uf! moitos amigos. Entón, paseino moi ben. Foi un encontro fabuloso. Tiña menos de 5 minutos para agradecer as cousas, pero como lles facía graza o que dicía, ao final extendinme máis tempo. Despois viñeron cousas inevitables coma os selfies… (…)
– LVG: Os tempos de hoxe están como para sentirse «farto» de todo e continuamente, non?
– ML: Ás veces fago improvisacións para rirme e pasalo ben, no meu entorno. Hoxe, iámonos escarallando de risa paseando pero realmente o que a min me gusta é a traxedia grega, transmitida non coa linguaxe de hoxe senón próxima, que se entenda todo. Aí está todo: Cunqueiro, Shakespeare, Rosalía… Simplemente, hai que preparar todos eses textos pero tamén sen perder a referencia. É unha antigüidade que nos honra porque axuda a enfrontármonos a todos os problemas que lle suceden ao ser humano. Tamén moitas veces vou ver a novos autores e tamén hai que ler moito teatro.
– LVG: Fala dos novos. Eles son o relevo.
– ML: ¡E aínda os que non estamos mortos! A ver quen me pisa a min os pés (ri)… Mentres esteamos vivos, escribimos e facemos teatro. Penso que hai que dedicarse con corpo e alma ao que che gusta. (…)”