Dores Tembrás: “Ser muller cada día supón un reto e supón mirar cara a necesidade de mudar as cousas”

Entrevista a Dores Tembrás en Suma Ágora:
“(…) – Suma Ágora (SA): Ti como creadora como te definirías?
– Dores Tembrás (DT): Como unha procuradora da palabra precisa. Iso é o que me interesa, a palabra, a linguaxe, buscar, non importa durante canto tempo, buscar o que procuras. Creo que ese é o traballo dos poetas e sempre é coa pulsión, coa emoción que é fundamental no meu traballo tamén.
– SA: É unha busca a poesía?
– DT: Si, totalmente, aínda que non necesariamente de respostas. Eu creo que a propia procura é a resposta, é o camiño, creo que é o que máis satisfacción aporta tamén neste traballo. Non estar concentrado nun obxectivo final senón saber que o proceso ten moito que aportar e que che fai medrar, e que todo é un exercitarse na palabra. E que agora o teu traballo está neste momento e este é o teu traballo e que antes era así e que despois será doutra maneira, un proceso. Concibo así os procesos creativos, un continuo. (…)
– SA: Cal é a túa visión da situación da poesía galega actual?
– DT: É extraordinaria. Claro, que o diga unha poeta galega parece que non ten moito crédito, pero cando veñen autores como Gamoneda e din que o que se está facendo agora en Galicia é dun nivel que está moi por encima do resto da Península, ten máis crédito. Eu creo iso porque eu teño o privilexio de ler autores na miña lingua que son verdadeiramente extraordinarios e despois, hai xente no resto da península que fai cousas tamén moi boas. Pero é que aquí temos unha cantidade por metro cadrado que é incrible realmente. E eu síntome moi feliz de pertencer a unha tradición poética tan poderosa nese sentido. (…)
– SA: Efectivamente a muller está moi presente na túa obra, cres que é máis difícil ser muller e poeta?
– DT: Ser muller nos tempos que corren conleva moitísimos hándicaps só polo feito de ser muller. Non sei se a suma de ser muller e ser poeta é peor. Eu creo que vivimos nun país onde a poesía ten un gran recoñecemento, ten os seus espazos, non son moitos, pero é que tampouco hai moito espazo para a literatura galega, esa é a realidade. Gustaríame que houbera máis visibilidade por suposto, pero non sinto que o feito de ser poeta aumente exponencialmente as cuestións negativas. Creo que ser muller realmente hoxe en día supón un reto, máis aló do terrorismo que estamos vivindo, máis aló diso que é o paradigma máis grave que nos está pasando como sociedade. Ser muller cada día supón un reto e supón mirar cara a necesidade de mudar as cousas porque así non poden seguir, e creo que hai moito diso na miña obra. (…)”