Inma López Silva: “O legado literario de Casares está salvagardado, en boa medida, na súa escrita xornalística”

Entrevista a Inma López Silva na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
– Inma López Silva (ILS): Hai diversos niveis de análise do legado de Carlos Casares que poden dar unha conta aproximada da súa importancia transcorridos case tres lustros desde a súa morte. En primeiro lugar está o punto de vista exclusivamente literario, no que Casares liderou unha corrente de sinxeleza que recuperaba o mellor Castelao e que el popularizou a través da súa narrativa pero, sobre todo, a través das súas colaboracións na prensa. Neste sentido, coido que, en boa medida, o legado literario de Casares está salvagardado na súa escrita xornalística. Desde a súa posición en La Voz de Galicia, soubo renovar e manter o xénero desde un absoluto coidado pola lingua galega, nunha militancia que non coñeceu cesións e que, coido, supón en boa medida a existencia indubidábel dun xornalismo galego a día de hoxe nos nosos medios de comunicación.
Por outra banda, coido que non é posíbel falar de Carlos Casares sen considerar o seu legado institucional, algo que entendo alén do político. Casares representa unha liña de acción galeguista que, nun tempo de alleamento e integración da globalización na cultura galega, soubo conxugar o aspecto local co global a través dunha visión da relación entre Galicia e o mundo que, co paso do tempo, se amosou rendíbel para a promoción exterior da nosa cultura. Finalmente, Casares supón a popularización e xeneralización da cultura e a literatura galegas. A súa obra pode envellecer, e as súas historias poden chegar a non interesar (agardo que non!), mais é innegábel que Casares conseguiu para a causa da nosa cultura moreas de lectoras e lectores que eran fieis á escrita na nosa lingua só por el e para el. Coido que non se volveu dar unha figura así, e precisariámola.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– ILS: O seu xornalismo de opinión, sen ningunha dúbida. Por suposto, as súas obras na narrativa de ficción están entre o máis elevado da literatura galega contemporánea (eu, persoalmente, quedo coa miña obra casariana de referencia, O sol do verán), pero teño para min que é nese xornalismo escrito día a día onde atopamos a maior experimentación e autenticidade da súa escrita, a súa vontade de conxugar o presente co seu imaxinario literario, a súa ideoloxía e a súa pulsión creativa.
Quixera ademais, sinalar aquí a importancia da súa achega teatral para a infancia (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas) que, desafortunadamente, non viu continuidade nunha obra dramática tanto para a infancia coma para adultos que tería interese, sen dúbida, debido ao seu recoñecemento do teatro como faceta fundamental de calquera cultura normalizada. (…)”