Inma López Silva: “O legado literario de Casares está salvagardado, en boa medida, na súa escrita xornalística”

Entrevista a Inma López Silva na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
– Inma López Silva (ILS): Hai diversos niveis de análise do legado de Carlos Casares que poden dar unha conta aproximada da súa importancia transcorridos case tres lustros desde a súa morte. En primeiro lugar está o punto de vista exclusivamente literario, no que Casares liderou unha corrente de sinxeleza que recuperaba o mellor Castelao e que el popularizou a través da súa narrativa pero, sobre todo, a través das súas colaboracións na prensa. Neste sentido, coido que, en boa medida, o legado literario de Casares está salvagardado na súa escrita xornalística. Desde a súa posición en La Voz de Galicia, soubo renovar e manter o xénero desde un absoluto coidado pola lingua galega, nunha militancia que non coñeceu cesións e que, coido, supón en boa medida a existencia indubidábel dun xornalismo galego a día de hoxe nos nosos medios de comunicación.
Por outra banda, coido que non é posíbel falar de Carlos Casares sen considerar o seu legado institucional, algo que entendo alén do político. Casares representa unha liña de acción galeguista que, nun tempo de alleamento e integración da globalización na cultura galega, soubo conxugar o aspecto local co global a través dunha visión da relación entre Galicia e o mundo que, co paso do tempo, se amosou rendíbel para a promoción exterior da nosa cultura. Finalmente, Casares supón a popularización e xeneralización da cultura e a literatura galegas. A súa obra pode envellecer, e as súas historias poden chegar a non interesar (agardo que non!), mais é innegábel que Casares conseguiu para a causa da nosa cultura moreas de lectoras e lectores que eran fieis á escrita na nosa lingua só por el e para el. Coido que non se volveu dar unha figura así, e precisariámola.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– ILS: O seu xornalismo de opinión, sen ningunha dúbida. Por suposto, as súas obras na narrativa de ficción están entre o máis elevado da literatura galega contemporánea (eu, persoalmente, quedo coa miña obra casariana de referencia, O sol do verán), pero teño para min que é nese xornalismo escrito día a día onde atopamos a maior experimentación e autenticidade da súa escrita, a súa vontade de conxugar o presente co seu imaxinario literario, a súa ideoloxía e a súa pulsión creativa.
Quixera ademais, sinalar aquí a importancia da súa achega teatral para a infancia (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas) que, desafortunadamente, non viu continuidade nunha obra dramática tanto para a infancia coma para adultos que tería interese, sen dúbida, debido ao seu recoñecemento do teatro como faceta fundamental de calquera cultura normalizada. (…)”

Cuestionario Proust: Berta Dávila

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Berta Dávila:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A dispersión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A ética.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade e afecto.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Viaxar. Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Case sempre me decepcionan, cando chegan, os ideais de felicidade que algunha vez desexei.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a lucidez, perder o equilibrio.
8.– Que lle gustaría ser?
– Algunhas mañás, gato.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame vivir aquí. Non me gusta o que aquí ocorre.
10.– A súa cor favorita?
– Ningunha en particular, prefiro as cores escuras de xeito pouco consciente.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Ningunha flor, un froito: a mandarina como prenda do outono.
12.– O paxaro que prefire?
– O que regresa no verán.
13.– A súa devoción na prosa?
– Paul Auster.
14.– E na poesía?
– Blanca Varela (agora)
15.– Un libro?
O sol do verán, de Casares (agora).
16.– Un heroe de ficción?
– O escritor con horarios.
17.– Unha heroína?
– Doña Mariana, de Los gozos y las sombras.
18.– A súa música favorita?
– O disco «Madrugada dos trapeiros», de Fausto.
19.– Na pintura?
– Egon Schiele.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Algunhas mestras de escola.
21.– O seu nome favorito?
– Aínda non o atopei.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A estupidez.
23.– O que máis odia?
– As marcas de humidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non teño o costume de desprezar nada, o que non significa que non haxa figuras históricas abondo desprezables.
25.– Un feito militar que admire?
– Sempre me gustou a épica da revolución dos caraveis.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non creo na existencia de ningún don natural, creo que calquera clase de talento é unha mestura de traballo, compromiso e casualidade.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Con plena conciencia do que me ocorre e ningunha conta pendente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Fáltame oficio para contestar a esta pregunta.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que me son propios.
30.– Un lema na súa vida?
– Non posúo demasiadas certezas, moito menos elevables á categoría de lemas.”