Entrevista a Xosé Ballesteros en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Houbo un novo retroceso do número de títulos en galego publicados en 2016. Que análise facedes desde o sector? Cales son as razóns, tendo en conta que tanto o euskara como o catalán medraron?
– Xosé Ballesteros (XB): É un tema complexo de abordar, porque a diminución era algo anunciado, sabiamos que ía suceder. É a fotografía dunha situación que non é nada nova. A precariedade do tecido industrial que existe ao redor do libro galego é evidente. Eu, se tivera que facer un diagnóstico, creo que por un lado o número de títulos é menor porque o mercado está a minguar e, pese a que cada vez é máis doado publicar libros, porque a tecnoloxía permite tiraxes máis pequenas que as que se facían hai anos, o número de lectores descende. Por que descende? Porque cada vez hai menos falantes, eu creo que esa é a primeira razón que habería que destacar. Calquera lingua que teña menos falantes que hai anos, directamente terá menos lectores nesa lingua, é facilmente deducible. Esa sería a raíz do problema. Logo hai outras: os recortes, que teñen que ver tamén coa posibilidade de adquisición de novidades polas bibliotecas, o cambio de paradigma no ensino, que segue a ser unha parte do negocio do libro en galego. Non podemos esquecer que practicamente a metade do libro que se vende en galego é libro de texto. E tamén hai unha crise substancial nese subsector. Eu creo que son unha batería de razóns, que todas xuntas lévannos a unha situación de alarma porque o tecido empresarial é moi feble. Mesmo as grandes editoras teñen que forzosamente reducir os títulos que publican. (…)
– SG: E como pensa afrontar esta situación o sector?
– XB: O sector son a Asociación de Editoras, a Asociación de Escritoras/es, as librarías… E as librarías no fondo xa bastante problemática teñen, elas intentan vender, sexa en galego ou en castelán. Chámame a atención, por exemplo, que practicamente a publicación en Galiza doutros libros, nomeadamente en castelán, sexa practicamente igual a en lingua galega. Cada parte do sector ten a súa problemática. Nós, desde a Asociación Galega de Editoras, seguimos reclamando cada vez que temos ocasión, que se desenvolva a Lei do Libro, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego no ano 2007, que está practicamente sen desenvolver. Non se pode falar de cambios e de resolver este problema sen desenvolver esta Lei, sen crear o Consello do Libro Galego, que é a que ten dar respostas e facer diagnoses, está contemplada na lei, ao igual que a Cámara do Libro, que permitiría novas estratexias para impulsar a internacionalización do libro galego. Cando antes comentabas que o libro infantil aguanta, pois pode aguantar porque hai editoras que están exportando, o que lles permite manter un grao de publicación en galego, que se non fose polo apoio da publicación noutras linguas non sería posible. Hai que entender tamén que hai imprentas, hai gráficas, que deberían estar preocupadas porque cada vez se publique menos libro galego. Pero no fondo, a min o que máis me preocupa non é tanto o número de títulos que se publican ou non, senón o número de libros vendidos ou libros lidos. Ese é o problema, porque se poderían publicar menos libros con tiraxes maiores. Pero o problema de fondo é que se editan menos títulos e as vendas tampouco aumentan. Máis ben están a diminuír. (…)”