Entrevista a Ramón Loureiro na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
– Ramón Loureiro (RL): Casares foi, na miña opinión, unha das figuras centrais da Galicia do século XX. Creo que non esaxero se digo, e en voz ben alta, que sen Casares Galicia sería hoxe completamente distinta. El fixo que o noso país acabase por ser infinitamente máis grande nos corazóns que nos mapas. Non traballou para si, senón para que existise un futuro. Homes coma Carlos, eses homes que fan posible o milagre, dan a medida da verdadeira grandeza dun país.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– RL: Casares, como todo o mundo sabe, traballou en ámbitos moi diversos. Estivo sempre, sen pedir nada a cambio, alí onde o necesitaban. Particularmente, eu valoro sobre todo o seu legado literario, o seu labor como escritor, pero non se pode obviar tampouco a importancia de todo canto fixo á fronte da editorial Galaxia, na presidencia do Consello da Cultura, como mestre, no Parlamento -onde tanto traballou para normalizar a situación do galego- e, por suposto, como firme defensor da liberdade.
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– RL: A min paréceme que a pegada que Carlos deixou na cultura galega é tan grande que aínda nos falta perspectiva para vela na súa verdadeira dimensión. Resúltame prácticamente imposible imaxinar a cultura galega do pasado século sen Casares. El foi unha auténtica ponte, en si mesmo, entre a tradición e a modernidade. E sempre será un clásico. (…)”