O recordo de Carlos Casares bate con forza en Xinzo de Limia

Desde a Real Academia Galega (foto de Xosé Castro):
“(…) Alén da dimensión literaria de Carlos Casares analizada nas tres alocucións, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, salientou na clausura do acto a dimensión do homenaxeado de xestor cultural que desenvolveu como editor, “que é unha maneira de organizar o coñecemento para difundilo”, á fronte de Galaxia desde 1986 ata o seu pasamento; e a dimensión como cidadán, “como home comprometido co seu país e co seu tempo”. “Carlos Casares traballou sempre desde o compromiso por Galicia, pola lingua e pola identidade”, expresou. E tamén, engadiu, desde o compromiso coas institucións, convencido de que Galicia precisa que estas sexan “cribles e capaces de concitar aceptación social”. Víctor F. Freixanes recordou neste sentido o labor de Casares como membro da RAG, presidente do Consello da Cultura Galega e mesmo como parlamentario, etapa na que foi un dos impulsores da Lei de normalización lingüística.
A Limia, “a primeira escola do fantástico”
“Tiña que ser aquí, na capital da comarca da Limia, onde hoxe batese con forza o recordo de Carlos Casares Mouriño (…). Aquí, no corazón da Limia, onde chegou dende o seu Ourense natal con apenas tres anos, despregou as súas ás de neno curioso para abrir as portas ao mundo das emocións e do coñecemento”, arrincou Fina Casalderrey na súa alocución, titulada “Carlos Casares, escritor de alma ao aire”. A académica recreou, coas palabras, lembranzas do neno que fabricaba andeis para os libriños que viñan cos paquetes do azafrán -aqueles que lle regalaban no ultramarinos de Xosé Ramón-, que lía tebeos de Suchai e que ía os domingos pola tarde ao cine, afección que deixou pegadas en páxinas como as de Ilustrísima.
Fina Casalderrey abriu o acto cunha intervención que empezou subliñando a importancia da comarca da Limia na vida e na obra do autor. “No ecosistema de Xinzo asistiu Casares á primeira escola do fantástico, aquí enraizou no cerne das esencias galegas e experimentou o feito prodixioso de comprobar que as pequenas cousas poden dar paso a grandes emocións e que, estas, permanecen habitándonos de por vida”, engadiu na sesión extraordinaria celebrada no salón de plenos municipal, que se puido seguir tamén desde a pantalla instalada na praza que leva o nome do homenaxeado. (…)”