Desde Sermos Galiza:
“A autora reaccionaba así a este recoñecemento no seu perfil persoal en Facebook: “Pois aquí estou, moi contenta e algo flipada agora que sei que vou ser unha señora galega nas letras, que carallo, nas Letras, e cos nervios no canto de estudar púxenme a reler A Perspectiva porque Caixa de mistos non o teño, non sexa que me fagan preguntas para nota e non me lembre”.
Patricia Janeiro (Compostela, 1978) confesoulle a Sermos a súa sorpresa: “Como estaba afeita ao Día das Letras oficial, pois contaba con que había que agardar a morrer para estas cousas”, di con sorna. E alégrase deste tipo de iniciativas dado que “é un pouco raro que desde o ano 63 a RAG só homenaxeara a tres mulleres, igual é que é unha institución algo anquilosada”.
Janeiro ten dúas novelas publicadas: Caixa de mistos (Sotelo Blanco, 2005) e A perspectiva desde a porta (Positivas, 2009), que foi finalista do premio Xerais e trata sobre presos independentistas. A pesar da súa seca literaria dos últimos anos, a autora afirma que segue a escribir moito e está a rematar “unha novela coa que levo a voltas bastantes anos, pero como estou con traballos precarios non teño moito tempo”, explica. Promete, iso si, rematala en breve.
A Sega e os puntos suspensivos
O Día das Galegas nas Letras, que ten lugar o 15 de agosto, é unha celebración instaurada pola Sega, a plataforma feminista de crítica literaria. Nas edicións anteriores as homenaxeadas foron María Xosé Queizán, María Victoria Moreno e Dorothé Schubart.
Nesta ocasión o manifesto que publican para anunciar a autor homenaxeada está dedicado “a todas aquelas cuxos textos foron omitidos, cuxas transcricións literais non chegaron ao final da cita. A todas aquelas que tiveron que padecer que mentres uns atopan os recoñecementos, o lugar nos libros de texto ou os máis altos honores cunha ou dúas obras publicadas, outras escapen polos mesmos motivos ata dos andeis das librarías, xa non digamos a atención da crítica, o canon e a fama literaria”.”