Compostela: actividades do 17 de xuño na SELIC 2023

Tabela dos libros. Marzo de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Os últimos índios, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“2012. “Os empresarios galegos volven ser vítimas dun atentado terrorista. A fábrica de Mobles Silva, propiedade do coñecido empresario compostelán Amador Silva, foi atacada de madrugada con dous cócteles molotov” (p. 9). Así comeza Os últimos índios de P. Janeiro, cunha información de axencias na que se dá conta do final da novela. E non pensedes que fago spoiler, non. É a propia autora quen o fai. Cunha estrutura circular perfecta o libro empeza no punto exacto no que comezou… ou non… Realmente o principio e o final son pechados? É relevante o incendio da fábrica de mobles ou quizais estamos perdendo nos titulares a miga da cuestión? Pois si! P. Janeiro debulla, nesta nota de axencias, toda a información que poderíamos encontrar en calquera xornal, no noso día a día, e que asumimos como verdades universais. Temos o feito cualificado como un atentado terrorista, as iniciais do presunto pirómano, a intervención da policía, o apoio dos partidos políticos ao empresariado galego ou a investigación da relación do autor con grupos anarquistas ou independentistas. E a autora obríganos a repensar o que lemos, a nova. Retrocede aos días anteriores na vida do presunto pirómano para preguntar(-nos) os porqués. Por que alguén toma a decisión de incendiar unha empresa? Son certas as etiquetas que lle axuntan no diario? Por que o alcalde e os políticos o cualifican de atentado terrorista? Por que falan de ataques nos centros de crecemento económico do país? Por que alguén querería atacar postos de emprego? Por que só deteñen a unha persoa? Todas estas preguntas quedan pendentes nesa primeira nota de axencias e iranse desvendando mentres lemos o cotián do protagonista, Pedro. Ou non… porque o primeiro capítulo quen nos conta a súa vida é Maxina, a filla de Manolo, o ex-compañeiro de traballo de Pedro. Entón a que vén toda esta lea do si ou do non? Pois a que a autora xa nos avisa desde as primeiras páxinas que debemos prestar atención porque nos quere dentro dunha lectura activa. Vainos presentar a imaxe xeral dun quebracabezas que hai que petelar unha a unha e, como tal quebracabezas, unha peza non vai funcionar sen o elo coa anterior. E todas, ata a máis diminuta, teñen a súa importancia. E, aquí, neste punto, é onde se encontra o grande logro desta novela. (…)”

Compostela: Romaría dos Libros de Verán 2017

O martes 25, na Praza de Mazarelos de Santiago de Compostela, terá lugar a Romaría dos Libros de Verán 2017, organizada por Compostela Literaria, con horario de 11:00 a 21:00 horas, cos seguintes actos destacados:

13:30 h. Presentación de Manual básico de hostalería, de Patricia Janeiro, publicado por Positivas.
19:00 h. Trivial Literario, con Antía Marante e Antonio M. Fraga. Premio dun lote de libros.
20:00 h. Presentación de 22 segundos, de Eva Mejuto, publicado por Xerais. Coa participación, xunto á autora, de Laura Bugalho.

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do venres 2

O venres 2 de xuño abre as súas portas a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 16:00 a 22:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

17:30 h. Presentación da nova edición de O enigma de Embívicus, de X. A. Perozo, publicado por Galaxia. No acto haberá un faladoiro coa presenza do autor, Francisco Castro, Montse Pena Presas, Lara Rozados Lorenzo, André Chamadoira e alumnado do clube de lectura do IES Fernando Esquío de Neda.
18:30 h. A Sega presenta o Día das Galegas nas Letras 2017, dedicado a Patricia Janeiro.
19:00 h. María Solar firmará exemplares de Os nenos da varíola.
19:30 h. Presentación de José Ángel Valente: Cántigas de Alén, publicado por Ouvirmos.

Patricia Janeiro, protagonista do IV Día das Galegas nas Letras

Desde Sermos Galiza:
“A autora reaccionaba así a este recoñecemento no seu perfil persoal en Facebook: “Pois aquí estou, moi contenta e algo flipada agora que sei que vou ser unha señora galega nas letras, que carallo, nas Letras, e cos nervios no canto de estudar púxenme a reler A Perspectiva porque Caixa de mistos non o teño, non sexa que me fagan preguntas para nota e non me lembre”.
Patricia Janeiro (Compostela, 1978) confesoulle a Sermos a súa sorpresa: “Como estaba afeita ao Día das Letras oficial, pois contaba con que había que agardar a morrer para estas cousas”, di con sorna. E alégrase deste tipo de iniciativas dado que “é un pouco raro que desde o ano 63 a RAG só homenaxeara a tres mulleres, igual é que é unha institución algo anquilosada”.
Janeiro ten dúas novelas publicadas: Caixa de mistos (Sotelo Blanco, 2005) e A perspectiva desde a porta (Positivas, 2009), que foi finalista do premio Xerais e trata sobre presos independentistas. A pesar da súa seca literaria dos últimos anos, a autora afirma que segue a escribir moito e está a rematar “unha novela coa que levo a voltas bastantes anos, pero como estou con traballos precarios non teño moito tempo”, explica. Promete, iso si, rematala en breve.
A Sega e os puntos suspensivos
O Día das Galegas nas Letras, que ten lugar o 15 de agosto, é unha celebración instaurada pola Sega, a plataforma feminista de crítica literaria. Nas edicións anteriores as homenaxeadas foron María Xosé Queizán, María Victoria Moreno e Dorothé Schubart.
Nesta ocasión o manifesto que publican para anunciar a autor homenaxeada está dedicado “a todas aquelas cuxos textos foron omitidos, cuxas transcricións literais non chegaron ao final da cita. A todas aquelas que tiveron que padecer que mentres uns atopan os recoñecementos, o lugar nos libros de texto ou os máis altos honores cunha ou dúas obras publicadas, outras escapen polos mesmos motivos ata dos andeis das librarías, xa non digamos a atención da crítica, o canon e a fama literaria”.”