Xabier Maceiras: “Fai falta apostar polo galego e a cultura, o Día das Letras ten que ser sempre”

Entrevista a Xabier Maceiras en El Ideal Gallego:
“O escritor Xabier Maceiras lanzará nuns días, o 27 de maio, as súas Crónicas de Arteixo en formato papel, despois de superar recentemente as 200.000 visitas no seu blog, que leva o mesmo nome e que recupera as historias do Arteixo esquecido, o de antes do polígono de Sabón e de Inditex.
Non será unha presentación ao uso, xa que levará aparellado un roteiro polos lugares emblemáticos do municipio de todos os tempos, desde a casa onde naceu Arsenio Iglesias –”todo o mundo sabe que O Raposo é de Arteixo, pero moi poucos onde vivía”, di Maceiras– ata, por suposto, o balneario, no seu momento motor económico da vila. “Remataremos no edificio onde se ubica agora o café Melandrainas, que foi a casa de Manuel González Berao, un personaxe local cunha vida moi interesante que acabou de chófer do trolebús A Coruña-Carballo”, apunta o autor.
Maceiras recoñece que coas súas “Crónicas”, que comezou a escribir en setembro de 2014, pretende poñer en valor o traballo que facían, nos anos 90, o Boletín Informativo Municipal e a radio de Arteixo. “Gústame falar coa xente que xa ten unha idade, que viviu unha vila diferente á que temos. Eu teño nostalxia daquel Arteixo de antes, no que se falaba cos veciños e se daban os bos días. Agora somos unha pequena cidade, sempre ás présas”, sinala o escritor, quen tamén se encontra inmerso noutros proxectos –como un documental sobre as expropiacións de Sabón e un libro sobre a historia do fútbol en Arteixo e A Laracha, entre outros–. (…)”