Entrevista de Montse Dopico a Isidro Novo en Praza:
“(…) – Praza (P): O personaxe de O tabú na Traslenda é un represaliado da guerra civil… Mais o que nos contas non vai moito por aí.
– Isidro Novo (IN): É un útil, nada máis. En realidade, é unha novela coral que fala doutras cousas, coma os milagres. Porque, quen sabe se existen ou non? Tamén hai unha Moura, pero é atípica. En realidade, o tema de fondo é a aldea e o seu futuro. Se cadra, a aldea ten que ser outra: con outros cultivos, quizais sen gandería… (…)
– P: O libro manifesta optimismo de cara ao futuro do rural galego, salienta a editora. Por que?
– IN: Aparece a Galicia futura, si. Eu son optimista no sentido de que penso que hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós. Agora hai xente moi preparada, que foi á Universidade e que pode crear proxectos moi interesantes, aos que ademais agora con internet é moito máis doado dar visibilidade. A novela sitúase no presente, pero tamén leva ao pasado, ao tempo da guerra, e ao futuro. Respecto do futuro, podería servir de imaxe a historia do carteirista que se reconverte en mago. Galiza ten que reencontrarse, sobre todo no rural. A miña visión é optimista, pero tampouco presento unha Galicia rural idealizada. Penso que temos que volver á aldea porque a vida na cidade rebenta, vai a menos e ten que ir a menos. (…)
– P: Comparando CO2 cos teus anteriores poemarios, parece que este está máis traballado, no verso e na lingua.
– IN: Se cadra está máis mastigado, pero saíu dun xeito moi fluído. Acababa un e comezaba outro. Iso non é que che veña a inspiración e escribas todo sen esforzo ningún, pero ás veces sae así. Estou satisfeito co resultado. O título é moi global. Caben moitas cousas nel. Na poesía ás veces escribo cousas moi apegadas á realidade e noutras busco máis transfundo, retranca. E retranca non é ironía. É unha vía diferente. Despois, falo de moitas cousas: a física cuántica, os mundos paralelos… Eu entendo a poesía como os estados da materia. A poesía sólida é a popular, tradicional, que sostén a cultura, pero que se cadra presenta máis habilidade verbal que calidade dos argumentos. A poesía líquida lévate máis alá. Está de moda e haina boa, pero tende a repetirse. A gasosa pode disparar por calquera lado, e é coa que me identifico.
– P: Hai moitos temas. A marxinalidade volve aparecer. Ou a verdade.
– IN: Hai unha crítica á sinceridade, porque penso que está sobrevalorada no sentido de que calquera pode dicir calquera barbaridade que lle era mellor gardar. Despois, hai cousas que poden parecer escuras, pero non é tanto así. Por exemplo, o poema ‘EA’ fala de alzheimer. A verdade é outra cousa. É necesaria, e queda tapada polo politicamente correcto. (…)”