Isidro Novo: “Hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós”

Entrevista de Montse Dopico a Isidro Novo en Praza:
“(…) – Praza (P): O personaxe de O tabú na Traslenda é un represaliado da guerra civil… Mais o que nos contas non vai moito por aí.
– Isidro Novo (IN): É un útil, nada máis. En realidade, é unha novela coral que fala doutras cousas, coma os milagres. Porque, quen sabe se existen ou non? Tamén hai unha Moura, pero é atípica. En realidade, o tema de fondo é a aldea e o seu futuro. Se cadra, a aldea ten que ser outra: con outros cultivos, quizais sen gandería… (…)
– P: O libro manifesta optimismo de cara ao futuro do rural galego, salienta a editora. Por que?
– IN: Aparece a Galicia futura, si. Eu son optimista no sentido de que penso que hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós. Agora hai xente moi preparada, que foi á Universidade e que pode crear proxectos moi interesantes, aos que ademais agora con internet é moito máis doado dar visibilidade. A novela sitúase no presente, pero tamén leva ao pasado, ao tempo da guerra, e ao futuro. Respecto do futuro, podería servir de imaxe a historia do carteirista que se reconverte en mago. Galiza ten que reencontrarse, sobre todo no rural. A miña visión é optimista, pero tampouco presento unha Galicia rural idealizada. Penso que temos que volver á aldea porque a vida na cidade rebenta, vai a menos e ten que ir a menos. (…)
– P: Comparando CO2 cos teus anteriores poemarios, parece que este está máis traballado, no verso e na lingua.
– IN: Se cadra está máis mastigado, pero saíu dun xeito moi fluído. Acababa un e comezaba outro. Iso non é que che veña a inspiración e escribas todo sen esforzo ningún, pero ás veces sae así. Estou satisfeito co resultado. O título é moi global. Caben moitas cousas nel. Na poesía ás veces escribo cousas moi apegadas á realidade e noutras busco máis transfundo, retranca. E retranca non é ironía. É unha vía diferente. Despois, falo de moitas cousas: a física cuántica, os mundos paralelos… Eu entendo a poesía como os estados da materia. A poesía sólida é a popular, tradicional, que sostén a cultura, pero que se cadra presenta máis habilidade verbal que calidade dos argumentos. A poesía líquida lévate máis alá. Está de moda e haina boa, pero tende a repetirse. A gasosa pode disparar por calquera lado, e é coa que me identifico.
– P: Hai moitos temas. A marxinalidade volve aparecer. Ou a verdade.
– IN: Hai unha crítica á sinceridade, porque penso que está sobrevalorada no sentido de que calquera pode dicir calquera barbaridade que lle era mellor gardar. Despois, hai cousas que poden parecer escuras, pero non é tanto así. Por exemplo, o poema ‘EA’ fala de alzheimer. A verdade é outra cousa. É necesaria, e queda tapada polo politicamente correcto. (…)”

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do venres 9

O venres 9 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

18:00 h. Tradución das clásicas ao galego, de Mary Wollstonecraft a Virginia Woolf. Celia Recarey Rendo e Antía Veres.
18:30 h. Recital de poesía: Charo Lopes, Lupe Gómez, Rosalía Fernández, Marga Tojo e Antía Otero.
19:00 h. Marilar Aleixandre presenta Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, publicado en Galaxia. Intervirán, xunto á autora, Ismael Ramos e Malores Villanueva.
19:00 h. Presentación cruzada das novas publicacións de Isidro Novo: David Cortizo, editor de Urco, quen presentará CO2, poemario publicado por Edicións Positivas, e Francisco Macías, editor de Positivas, presentará O tabú na traslenda, publicado no selo Alcaián de Urco.
20:00 h. Ariel Ninas e a sanfona: recital Entre baleas, poemas de Estevo Creus: Balea2, e Eduardo Estévez: Baleas.
20:00 h. Inma López Silva firmará exemplares de Aqueles días en que fomos malas, publicado por Galaxia.