Carlos Callón atopa máis evidencias da diversidade sexual no trobadorismo galego

Desde Sermos Galiza:
“(…) “A diversidade afectiva e sexual non é cousa do século XXI. E unha das liñas da afectividade humana, que é a homosexualidade, tamén está presente no noso trobadorismo”, afirma Carlos Callón, que presentou a súa tese de doutoramento o pasado 21 de xullo na Universidade da Coruña, co título de “As relacións sexoafectivas intermasculinas e interfemininas no trobadorismo galego”, e dirixida por Pilar García Negro e Manuel Ferreiro.
Logo das súas achegas publicadas no libro Amigos e sodomitas (Sotelo Blanco, 2011), Callón vai máis alá e amplía e mesmo corrixe algúns datos. “O que corrixín é relativo ao lesbianismo. Hai moito máis do que nese libro chegara a analizar. Por exemplo, non me decatara dunha cantiga de amiga”, explica.
Estes achados non só teñen trascendencia para o trobadorismo galego, senón tamén para o europeo, e tamén “desde unha perspectiva literaria, desde unha perspectiva da historia da sexualidade, e desde unha perspectiva antropolóxica”, segundo a súa opinión. “Non só é unha achega importante a nivel do trobadorismo senón para coñecermos mellor a historia da propia humanidade”, defende. “Por exemplo, na Península Ibérica -até onde eu coñezo, porque igual que eu encontrei isto, poden aparecer no futuro outras cousas- que se fale da prostitución homosexual na Península Ibérica é información que só nos achega o trobadorismo galego. A opción do lesbianismo, cando hai poucos anos saía unha antoloxía nos Estados Unidos sobre textos lésbicos na historia da literatura, e non aparecía nada na Idade Media, e na actualidade non só sabemos que hai textos, senón que a metade dos que coñecemos están en galego”.
O investigador combate a idea de que a Baixa Idade Media era unha sociedade moito máis pechada do que hoxe cremos: “Á xente o que se lle vén á cabeza cando pensa nisto é un par de persoas con leña seca debaixo dos pés á que lle van prender lume, pero vemos que a realidade é moito máis diversa e que a historia sempre a contan os vencedores”. E vai máis alá: “Sabemos que houbo unha deliberada adulteración das fontes históricas, que fai que haxa elementos dos que temos pouca información, pero o trobadorismo galego é moi especial, porque non nos ofrece un testemuño relixioso da realidade, senón dunha perspectiva laica, e iso ofrece unha visión moito máis poliédrica da diversidade afectivo-sexual”.”