Emma Pedreira: “O día que non sinta nervios e non me emocione cun premio será o que deixe este oficio”

Entrevista a Emma Pedreira en El Progreso:
“(…) – El Progreso (P): Como foi recibir esa chamada na que lle din que gañou o Certame Literario de Vilalba?
– Emma Pedreira (EP): Non contas. Non pensaba nin en que tivese un 10% de posibilidades, presenteime no último momento e da peor forma posible, por correo electrónico, que non sabes nin se chega. Case o daba por perdido, nin lembraba terme presentado así que aínda estou aterrando e vendo a repercusión que tivo nas redes, que é a parte máis bonita.
– P: Que a levou a participar?
– EP: Este é un premio vello, ten máis anos ca min, cunha nómina moi solvente, pero quizais era moi local. Agora está nun proceso de apertura, cunha maior publicidade das bases nas últimas edicións. Creo que é bo que un premio con tanta traxectoria trate de ser un dos grandes, non só pola dotación, tamén polo espírito. Para os autores é un faro, ver a luz ao final do túnel da crise literaria.
– P: O premio inclúe publicar a obra, o que para moitos é máis importante que os cartos. É desa idea?
– EP: Si, os cartos están ben e o público mide a categoría do premio pola contía, pero os cartos vanse e ter a obra publicada nunha boa editorial e cunha boa distribución é o que eu miro. Alvarellos é un selo potente co que aínda non publiquei e apetecíame facelo. Ata onte (polo luns) non sabía ben nin a contía do premio, pero si que ía publicar con Alvarellos e iso é un soño cumprido. Xa me quixen presentar o ano pasado, pero non tiña obra. Este saquei este libro do lugar onde o tiña agochado. Non é actual, levo traballando nel bastante tempo, pensando onde podía encaixar.
– P: Contra que é o Antídoto?
– EP: Contra os prexuízos humanos a non ficar sós. Fala da soidade que non escolles, porque os seres que temos ao redor nos van deixando e non estamos preparados para iso, porque somos egoístas. É unha especie de diario dunha separación de parella, cunha segunda parte chamada Dúas veces na mesma pedra, que fala de como volvemos tropezar no mesmo. Falo de como cando chega esa soidade podemos aproveitala para laiar ou para definir ese 50% que queda eclipsado nunha relación e refacernos. (…)”