Suso Moinhos: “Neira Vilas animoume a traducir a súa obra ao esperanto”

Entrevista a Suso Moinhos en Sermos Galiza:
“Suso Moinhos (Vigo, 1970) acaba de publicar a primeira tradución ao esperanto da obra de Neira Vilas Memorias dun neno labrego. O tradutor, que tamén é poeta e escritor en esperanto, comezou a estudar esta lingua por casualidade con tan só dezaseis anos. Cursou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente está a realizar un posgrao de esperanto na Universidade de Adam Mickiewicz, en Polonia. Forma parte do equipo de redactores da revista literaria en esperanto Beletra Almanako e vén de publicar no ano 2016 o seu primeiro poemario, Laminarioj, escrito tamén nesta lingua.
– Sermos Galiza (SG): Como xorde a idea de traducir ao esperanto Memorias dun neno labrego?
– Suso Moinhos (SM): Eu traducira xa anteriormente un capítulo dunha obra de Neira Vilas, precisamente, de Memorias dun neno labrego, xa que os diferentes capítulos teñen unha unidade temática moi grande, o que permite presentalos de maneira autónoma. Ademais, ten unha estrutura circular, comeza máis ou menos como acaba, etc.
Neira Vilas animoume á que traducise ao esperanto o libro enteiro. O que pasa é que foi un camiño un pouco longo. Quixen preparame ben. Estiven dous anos estudando as traducións modélicas ao esperanto doutros autores e despois fun traducindo a obra. Máis adiante envieina a dous correctores de probas, un español e outro sueco, para que me desen as súas suxestións.
– SG: Á hora de traducir ao esperanto, hai poucas referencias?
– SM: Non, hai unha grande literatura. Hai unha literatura propia que ocupa o mesmo espazo cronolóxico que a literatura galega dende o rexurdimento até agora. Dende Rosalía até aquí está todo o que temos.
Na cultura do esperanto é moi importante a tradución, xa que sempre foi unha maneira de probar a lingua, de traer outras culturas para o esperanto, de vehicular outras culturas para o esperanto. Si que hai unha grande cultura de tradución nesta lingua. (…)”