Artigo de Marta Dacosta en Faro de Vigo:
“Chaman por teléfono e comunican que faleceches. Pídenme unhas liñas. E eu volvo á memoria da nena que fun e tirou do andel aquel Adios, María co que gañaras o premio “Galicia” do Centro Galego de Buenos Aires. Foi unha sorpresa e un revulsivo. Unha autora que ninguén agardaba, unha historia protagonizada por unha nena que non aceptaba a realidade da emigración dos seus pais. O tempo pasou dende entón. Véxoo nas manchas de humidade das páxinas desta primeira edición feita en Arxentina e distribuída por Edicións Castrelos. Foi en 1971.
Quince anos despois, atópote nos diálogos da peza teatral Á outra banda do Iberr e nos poemas de Do sulco, os libros de lectura obrigada na Facultade que non conseguiamos (foran editados en 1965 e 1957 respectivamente) e tivemos que fotocopiar da biblioteca.
Mais foi con Tempo de ría, o teu poemario publicado en 1992, co que te botarías definitivamente ao mar dos nosos ollos, prendidos xa para sempre na lectura dos teus versos. Porque nosoutras, coma ti, tamén navegar, que a maxia existe e pode ser de todas.
O teu “Penélope” acabou sendo bandeira do tempo da poesía en feminino. E compartimos xeración, a xeración das mulleres que, desde entón, falamos coa nosa propia voz. Porque nosoutras que te lemos, sentimos que non nos afasta nin a idade, nin o espazo, que compartimos a camaradería das palabras e as arelas, que chegou o tempo de rachar os velos e mostrarnos.
A túa sinatura no libro mostra como eras exactamente, sinxela, discreta, optimista e aberta como os teus “as” sen pechar subindo unha liña imaxinaria. Debes saber que tivemos fame da túa presenza, a pesar de saber e respectar a túa decisión de non te prodigar en público.
Querida Xohana, a túa partida déixanos orfas.”