Morre Xohana Torres

Desde Sermos Galiza (retrato de Laxeiro):
“Conmoción na cultura galega: esta terza feira morreu Xohana Torres (Compostela, 1931). Poeta, narradora e dramaturga, deixa unha obra de grande alento. Faleceu esta terza feira en Vigo. En plena ditadura, abriu fendas para a cultura e a lingua do país. Pertencía a unha xeración, a das Festas Minervais, mais a súa obra non é redutíbel a unha franxa ou a un grupo etario. Perfeccionista, tiña un enorme dominio do oficio. Mais non todo era técnica, era perfeitamente quen de producir emoción e beleza. Cantora da súa lingua e cantora tamén da nación, o seu legado perdurará.
Por volta das 20:37 horas, o xornalista Xan Carballa penduraba un post no seu FB en que noticia a triste nova do falecimento de Xohana Torres. “Adeus a Xohana Torres. Hai unhas poucas horas que a literatura galega perdeu a unha das súas grandes figuras, unha muller con letras a voar en mútiples direccións e significados que medran e se alimentan no tempo”, escrebía Carballa. “Lembrarémola. Lerémola. Navegaremos da súa man”, engadía.
Xohana Torres é un nome indiscutibelmente referencial das nosas letras nas últimas décadas. Aparece, cunha forza incontíbel, na década dos 50, como unha voz renovadora da poesía galega. Foi discípula de Carvalho Calero, nos seus anos da infancia ferrolá. Autora con grande personalidade, fixo parte, porén, dunha xeración, a chamada Xeración das Festas Minervais. Mais calquera pretensión de apreixala nunha época ou nun grupo é baldía, a súa era unha obra singular que se resistía a ser decodificada nun único rexistro.
Desde Do Sulco, poemario que viu a luz en 1959, até o Elexías a Lola, de 2016, desprégase unha obra inconformista e aberta sempre a novos horizontes. Dela di César Lorenzo Gil no seu blogue Biosbardia que a súa é unha poesía da “precisión”, pura orfebrería: “Nuns tempos nos que a técnica, en calquera disciplina artística, está en cuestión, dá gozo observar unha tarefa de oficio tan ben executada, edificados os poemas non só a base de conceptos orixinais, imaxes fermosas ou evocacións fascinantes senón tamén a través do ritmo e do perfecto equilibrio entre versos”.
Activista incansábel da literatura nacional, hai tamén unha Xohana Torres que durante a ditadura utiliza todos os meios para divulgar a cultura galega. Por exemplo, o teatro. Por exemplo, a radio, desde Radio Ferrol a La Voz de Vigo, antena en que puxo en andamento, en 1965, Raíz e Tempo, o primeiro programa de cultura en lingua galega desde a guerra civil.
Xan Carballa -editor xunto con Pepe Puga, de Elexías a Lola (Engaiolarte)- resgatou estes versos de Xohana Torres no seu emotivo post de despedida:

PENÉLOPE

Declara o Oráculo:

“Que a banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.

Así falou Penélope:

Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMEN NAVEGAR”