Os Paseos pola Coruña literaria – Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias escritoras e escritores que ambientaron obras na cidade.
Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
O prazo de inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, para este paseo comeza o luns 25 de setembro.
Farase, a partir desa data indicada, na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.
– 7 de outubro, de 17:30 a 19:00 h. Con María Solar. Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.