Manuel Xestoso: “O libro parte da idea de que é a ruína a que realmente nos conforma”

Entrevista de María Obelleiro a Manuel Xestoso en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): As ruínas de Europa consegue a amálgama precisa entre a historia e a actualidade: desde a destrución de Pompeia até o drama das persoas refuxiadas. Como construíches a obra?
– Manuel Xestoso (MX): Ben, antes de nada debo dicir que a alusión ao drama das persoas refuxiadas é unha interpretación túa que eu nin subscribo nin desminto: ante a idea de que o autor debe explicar os seus libros eu opoño a de que son os libros os que explican o autor. Por outra banda, a actualidade non me parece un terreo particularmente atractivo para sementar nel a palabra poética. Ao contrario, o libro parte da idea de que é a ruína a que realmente nos conforma. A ruína é aquilo que sobrevive á destrución, aquilo que se resiste á desaparición; é, xa que logo, o único que perdura á acción erosiva do tempo e da Historia, un indicio de permanencia ao que podemos agarrarnos.
O libro foi construído case como a crónica da viaxe por unha paisaxe crepuscular, unha viaxe de inverno por esa Europa posterior a Auschwitz na que, segundo Adorno, xa non se pode escribir poesía. Claro, cada libro de poemas que se escribe desde aquela debería pensar en como é posíbel refutar as palabras de Adorno, e con esa conciencia está escrito As ruínas de Europa. Tendo en conta, ademais, que a historia europea recente non fixo máis que engadir argumentos a favor de Adorno.
– SG: Falabas de Adorno. Precisamente, unha das principais características ten a ver coas múltiplas referencias filosóficas e literarias que agochan os poemas. Un trazo derivado da túa faceta como crítico?
– MX: Trátase de refutar o poema como aquilo que se definía como “expresión do eu íntimo”. O discurso poético está cruzado por infinidade de voces –ruínas, talvez– que proceden de, entre outros lugares, a propia tradición literaria. Enfrontarse con esas voces supón pasar da lectura como produción de sentido á relectura como produción de realidade. Desde Lacan sabemos que a conciencia está condicionada pola orde simbólica e, xa que logo, cuestionar e interrogar esa orde transfórmase nun deber de quen toma a palabra no espazo público.
Por outra banda, un dos detonantes na escrita deste libro foi precisamente o cuestionamento sobre a voz do crítico. Quen fala a través desa voz? Por soberbio que pareza, eu creo que o crítico debe falar en nome da comunidade, expresar as súas necesidades e, dalgún xeito, avaliar en que medida as obras que aborda contribúen ao ben común da sociedade á que se dirixe. Nun sistema cultural como o galego, sometido a circunstancias que impiden teimudamente a súa normalización, iso require unha responsabilidade e un esforzo suplementario que pode ser extenuante. Facer uso dunha voz na que ese compromiso se atenuase transformouse case nunha necesidade persoal para definir o lugar desde o que escribía. (…)”