Entrevista a Antonio Reigosa en La Voz de Galicia:
“Moito se falou na historia recente da figura de Eduardo Pondal como artífice do himno de Galicia e do seu gran labor ao escribir unha letra que tanto e tan ben representa ao conxunto da sociedade galega. Non foi así no caso de Pascual Veiga, compositor da melodía que acompaña aos versos de Os Pinos, cuxo traballo pasa con frecuencia desapercibido a ollos do gran público.
Antonio Reigosa (1958), escritor e investigador mindoniense que é coñecedor da traxectoria de Veiga, falará precisamente neste respecto na súa intervención de hoxe durante a última xornada do Simposio Pondaliano, en O Couto (Ponteceso). Xunto a el estarán tamén representantes da produtora Queimán e Pousa presentando un libro-deuvedé en lembranza aos 110 anos de percorrido do texto.
– La Voz de Galicia (LVG): No referido ao himno galego, o nome de Pascual Veiga non soa tanto como debería.
– Antonio Reigosa (AR): En efecto. Por iso son tan importantes accións como estas e por iso levaremos o traballo deste autor a Ponteceso, a terra de Pondal. Veiga foi o artífice de partituras tan célebres como a da Alborada, pero non deixou de ser un home con moi pouca fortuna na vida e que morreu na pobreza, afogado polas débedas, e sen chegar a ver a estrea oficial da súa gran obra: o himno. (…)
– LVG: A piques estivo de ser Curros o protagonista desta historia, pois foi a quen se lle encargou o labor de escribir a letra inicialmente.
– AR: Iso foi un pouquiño posterior a esa primeira toma de contacto que tiveron Veiga e Pondal. Xosé María Fontenla Leal [intelectual galeguista] encargou a Curros, que daquela tamén vivía na Habana, a confección da letra para un himno galego, sendo José Castro Chané para a melodía. A principal circunstancia é que Chané e Curros levábanse a matar por aquel entón, polo que se fixo complicado seguir adiante. Como consecuencia diso, naquel momento alguén lle lembrou a Fontenla que Veiga xa traballara ese asunto con Eduardo Pondal e puxéronse en contacto de inmediato con eles. Fixéronse algunhas revisións á versión orixinal e finalmente estréano na Habana no 1907, un ano despois do pasamento de Pascual Veiga.”