Eva Mejuto: “Ser distinto dá medo”

Entrevista a Eva Mejuto en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Parece que escribir sobre transexualidade segue a ser un tabú. ¿Como se entende 22 segundos dentro da literatura galega?
– Eva Mejuto (EM): Na literatura infantil e xuvenil galega é a primeira vez que se toca este tema, e na adulta penso que de maneira tan directa non se ten tocado. Nesta historia a transexualidade é o tema central e está claro que segue sendo tabú porque, a estas alturas, non hai ningún libro que toque esa temática cando é unha realidade máis que evidente. (…)
– LVG: Álex fala dunha forma moi directa e preséntase cun vídeo que sube a Internet. Son formas de achegar o libro aos máis novos?
– EM: Este é un libro moi breve, que utiliza unha linguaxe moi sinxela, evidente e próxima. A idea era que fose accesible e fácil de ler para chegar a un público amplo, que estivera contado dende a normalidade do cotiá, por iso esa linguaxe informal e moi de andar por casa. Sobre o vídeo co que se presenta, cando empecei a investigar un pouco, encontrei en YouTube unha comunidade que lle servía á xente trans para refuxiarse e comunicarse. Compartían vida e experiencia con outros que están pasando o mesmo e que non teñen referentes. Para min foi conmovedor ver que compartían a peito aberto a súa vida dunha maneira moi xenerosa para axudar a persoas que están na mesma situación.
– LVG: O protagonista fala dun tránsito, dunha viaxe cara si mesmo que demostra as dificultades coas que se encontra por ser transexual.
– EM: Esta situación, que pola sociedade que temos se vive como un conflito, ten varios círculos. Un é a complexidade que ten para unha persoa trans asumirse a si mesma. Ser quen de recoñecerse e de recoñecer a túa condición é complexo polas estruturas sociais e familiares, que son moi ríxidas. A familia, o entorno máis próximo, sería o segundo shock. O terceiro sería a sociedade en xeral. O libro parte da asunción desta condición neses tres ámbitos: coa mesma persoa, co entorno familiar e coa sociedade. Vai do máis íntimo ao máis público. (…)”