Santiago Prol: “Manuel Vidal é un adiantado ao seu tempo, un personaxe a recuperar”

Entrevista a Santiago Prol en La Voz de Galicia:
“Aínda que pasou varios veráns nas Torres de Meirás con dona Emilia Pardo Bazán, foi profesor de Isaac Díaz Pardo e Domingo García Sabell, fundou xunto a Basilio Álvarez a revista Galicia e estivo na mesa presidencial da fundación das Irmandades da Fala en Santiago, a figura do presbítero de Maceda Manuel Vidal (1871-1941) quedou esquecida. Dese esquecemento vén de rescatala o historiador Santiago Prol (Maceda, 1960), no libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda.
– La Voz de Galicia (LVG): Non é a primeira vez que recupera a figura de persoeiros esquecidos: João da Nova, Benigno Álvarez
– Santiago Prol (SP): Manuel Vidal é unha materia que eu tiña pendente dende había moito tempo. Empecei facendo un pequeno traballo de investigación sobre el no 2001, que despois se converteu nunha entrada na Wikipedia e na Xacopedia. Pero quedou moi no aire, digamos que despois me dediquei a facer traballos de investigación sobre outra xente. Foi a partir do 2011 que me metín a fondo nel e descubrín que é un galego moi interesante cun montón de produción.
– LVG: Escribiu sobre Santiago e o mito xacobeo.
– SP: El ten unha triloxía, que se chama a Triloxía Xacobea, na que hai unha obra de teatro sobre a Raíña Lupa que é moi interesante e que preside nin máis nin menos o arcebispo que estaba naquel momento, que era Lago González. Fai un libro sobre o Pórtico da Gloria que se debería reeditar, que é boísimo. A min agasalláronme con ese libro, que é de 1926, no ano 1979, daquela era un rapaz de 18 anos. Mireino e pareceume moi interesante, pero a verdade é que quedou metido nun andel e recupereino en 1999. Ese foi o meu punto de arranque. En Maceda reeditouse Deixe que xa, que é un libro do ano 1931 e Don Porrazo o mi cubierto de plata, e eu aí fixen unha descuberta: a Maceda de finais do século XIX estaba toda plasmada no libro de Vidal. Houbo unha revolución, a revolución de outubro de 1870 que el describe tal e como foi a realidade. É un personaxe a recuperar e merecería que se pense como un dos candidatos ás Letras Galegas. (…)
– LVG: Por que a súa figura quedou esquecida?
– SP: A miña teoría é que porque era un home de dereitas. Pero para a súa época era un home moi avanzado. El era un home do rexionalismo, tiña un sentimento de Galicia moi potente, pero por riba estaba España.”