HISTORIAS DA CORUÑA. A MEMORIA DA CIDADE
Días 27 e 31 de xaneiro, 5 e 8 de febreiro de 2018
Lugar: A. C. Alexandre Bóveda (Olmos 16. A Coruña)
Programa
Sábado 27 de 11:30 a 13:00 h.
Roteiro: As mulleres das Irmandades da Fala. CEN anos marcando o camiño. Guían o roteiro Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG e María Xosé Bravo, presidenta da A. C. Alexandre Bóveda.
Hai 100 anos nacía na Coruña a primeira Irmandade da Fala, considerada por moit@s a primeira iniciativa consciente de normalización do idioma galego mais as Irmandades non se ocuparon só da lingua, crearon un xornal, fundaron o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, crearon as Escolas do Insiño Galego, impulsaron a creación de coros, traballaron arreo para a creación do Partido Galeguista… Á Irmandade da Coruña pertenceron máis de 200 mulleres e o seu papel foi básico no teatro, na creación de editoriais, nas escolas… Lembraremos neste roteiro a Micaela Chao Maciñeiras, a Elvira Bao Maceiras, a María Miramontes, a Amparo López Jean…
Mércores 31 de 19:30 a 21:30 h.
María Barbeito. Unha vida dedicada á escola e aos escolares. Ana Romero Masiá, historiadora, investigadora e ensinante.
María Barbeito Cerviño (1880-1970) foi unha destacada mestra e pedagoga coruñesa que desenvolveu o seu traballo nas Escolas da Garda desde 1901 ata que foi desposuída de todos os cargos a raíz do levantamento do 18 de xullo de 1936. O seu recoñecido prestixio estaba baseado nas experiencias que levou a cabo e na introdución de novos métodos pedagóxicos, ademais do labor que realizou en favor dos nenos e nenas das escolas públicas a través das cantinas e comedores escolares. A República destacouna nomeándoa un dos 10 mestres seleccionados en toda España co título de inspectora, o que concitou envexas que non a desanimaron a continuar co seu labor. Retirada forzosa do ensino, refuxiouse no traballo de traducir autores franceses.
Luns 5 de 19:30 a 21:30 h.
Da Cidade da Ilustración ao Polígono de Elviña: unha historia urbana da Coruña. José María Cardesín Díaz, sociólogo, profesor da UDC e investigador do Grupo Estudos Territoriais.
Entender as transformacións que experimentou a nosa cidade no curso de máis de dous séculos esixe combinar dúas perspectivas: a macro, encadrando as mudanzas no proceso de transición da cidade moderna a contemporánea en Europa; a micro, desenvolvendo unha metodoloxía baseada na cartografía histórica que nos permita analizar como aquel proceso cobrou corpo na Coruña.
Xoves 8 de 19:30 a 21:30 h.
Umha panorámica geral da historia do movimiento obreiro na cidade e as greves. Carlos Velasco, historiador, investigador e profesor da UDC.
No início da década de 1870 surgem na Corunha os primeiros gromos organizativos da classe operária vencelhados à Internacional (AIT), no contexto do Sexénio Democrático (1868-1873). Ultrapassada a fase mais duramente repressiva decorrente da implantaçom do regime da Restauraçom, o sindicalismo proletário de cariz mormente anarco-sindicalista consolida-se a partir da década de 1890, momento em que se produzem as primeiras greves de importância. Será na II República que o obreirismo corunhês alcance a sua maturidade, vertebrado maioritariamente em torno da Federaçom Local Obreira da CNT. Depois virá o desmantelamento por conta do fascismo e a recuperaçom na década de 1970.
Solicitada a homologación á Concellaría de Educación por 8 horas lectivas.
A actividade é de entrada libre para todo o público. Os/ as ensinantes terán dereito a certificado homologado e para iso deben inscribirse na web www.as-pg.gal apartado de formación. Hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoas que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.
Organizan: AS-PG e A. C. Alexandre Bóveda