Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Ningún ámbito relacionado coa literatura foi alleo a María Victoria Moreno. Escritora en xéneros diversos, editora, libreira, tradutora, profesora. E aínda así, considera a súa biógrafa Montse Pena Presas, “unha grande descoñecida”. A tirala desa zona de sombra pode contribuír o Día das Letras Galegas deste ano, que a Academia dedica á autora de Anagnórise (1988). (…)
Pena Presas presenta A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida (Galaxia, 2018), a súa indagación na obra e nos días desta “escritora total”. “Aos poucos días do anuncio da Academia, e a proposta do editor Francisco Castro, embarqueime no proxecto”, relata, “que encaixaba co meu ámbito de especialización na literatura infantil e xuvenil”. Nel traballou para a súa tese de doutoramento.
E María Vitoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) foi pioneira en transitar ese campo. “De feito, eu creo que esta foi a súa achega fundamental á literatura galega”, sinala a súa biógrafa, “decatouse do que pasaba noutros sistemas literarios con eses libros deostados e esforzouse en que iso pasase tamén no galego”.
Conectar a literatura para a mocidade coa súa propia realidade social resultou chave na estratexia de Moreno. “A cuestión da droga, por exemplo, aparece en Anagnórise ou en Guedellas de seda e liño (1999)”, explica. A primeira das novelas citadas é, talvez, a máis celebre das súas obras, lectura obrigada nos institutos e narración sobre as identidades, o espertar ao mundo adulto e certo “feminismo iconoclasta”, en palabras de Pena Presas.
Anagnórise foi o seu traballo máis vendido e recoñecido, fito dunha existencia dedicada a suturar a fenda entre lectura, adolescencia e lingua galega. Que ela adoptou con entusiasmo, militancia e alén de ideas exotizantes.
“No volume Escritores alófonos, ela rexeita esa etiqueta e lembra a súa ‘historia de amor’ coa lingua”. Se alófona é aquela autora que escolle para a súa obra un idioma diferente ao propio, María Victoria Moreno prefería falar de “autofonía”. Unha vez tomada a decisión, non hai separación, o galego xa era dela. Compromiso e vontade definen mellor, a dicir da biógrafa, a súa relación con Galiza. Ou coa que foi a profesión que a identificou: a docencia. “O meu corazón florece nas aulas”, escribiu unha vez.
Para elaborar A voz insurrecta, Montse Pena entrevistou familia -a filla e o seu segundo marido-, compañeiras -o escritor David Otero, con quen codirixiu a colección Árbore, de Galaxia-, amigas –Fina Casalderrey ou Xavier Senín, que tamén prepararon estudos sobre Moreno- ou alumnas -a académica Rosario Álvarez.
“Fixo todo o que pode facer alguén desde o ámbito literario”, conclúe a biógrafa (…).”