Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018, Xosé Iglesias (sábado 14 de abril)

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Volven os Paseos pola Coruña Literaria para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

  • Sábado 14 de abril (a partir das 12:00 h): paseo con Xosé Iglesias. Inscricións: desde o 2 de abril a partir das 9.00 horas.

Neste paseo partirase dun lugar próximo ao mar que é para o autor habitual no desenvolvemento do seu traballo. Fuximos da cidade e achegámonos até o frente das Illas de San Pedro, con paradas intermedias onde intercalar a lectura de poemas que son o día a día da vida dun mariñeiro da Galiza.

Cebreiro foi un espléndido debuxante que empezou á sombra de Castelao, pero non tardou en crear un estilo persoal como humorista gráfico e caricaturista. Un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Percorreremos a cidade para pasear polos lugares relacionados con el e chegaremos á Praza do Humor, espazo propio para falar do papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.

Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

É necesaria a inscrición, que pode facerse dos seguintes xeitos, nas datas indicadas para cada paseo:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora
– No teléfono 981 189 888.
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.