Fran Alonso: “Concibo a literatura como exploración, como xeito de experimentación”

Entrevista de Montse Dopico a Fran Alonso en Praza:
“Que Fran Alonso é un dos escritores galegos que máis xogan coa experimentación con novas formas de comunicación co lector é un feito difícil de poñer en dúbida. Desde hai pouco tempo é, ademais, o novo director de Xerais, tras a marcha de Manuel Bragado. Nunha fase de reestruturación do sector, tras a crise e o cambio tecnolóxico, o goberno galego decidiu ademais aplicar un importantísimo recorte ás axudas ao libro que, segundo Alonso, poden darse por “desaparecidas”, polo menos no seu formato de compras de libro para abastecer as bibliotecas. Falamos con el da nova situación de Xerais e dos seus tres últimos libros, Terraza, Estado de malestar e Street Poems.
– Praza (P): É un libro de poemas escritos na terraza dun bar. Parece procurar materia poética no cotián…
– Fran Alonso (FA): O libro xorde da observación, do feito de ir eu habitualmente a unha terraza desde a que observo a vida cotiá. Tamén está moi presente nel o paso do tempo, e ademais introduzo elementos do fantástico, e mesmo do máxico, que rompen dalgunha maneira esa dureza do cotián, que sobrepasan esa dimensión.
– P: De fondo está a crise, o paro…
– FA: Porque é unha terraza que existe, dun barrio de Vigo moi afectado pola crise. Na época na que eu ía a aquela terraza, notábase moito. Mesmo na forma de camiñar da xente. Eu observaba a xente coa mirada extraviada, e non porque estivesen despistados levitando, senón porque non sabían que lugar habitaban naquela situación… Foi un dos motivos que me animaron a escribir este libro: ver aquilo. A crise notábase nas persoas e tamén nos lugares: os comercios… Mesmo a cafetería á que eu ía sobrevivía con moi pouca xente…
– P: O poeta pensa que é un pouco bicho raro, un “exemplar exótico” nunha sociedade “en carne viva”.
– FA: Claro, é que nese contexto era doado verse así. Alguén que reflexiona e escribe nunha terraza mentres acontecía todo aquilo, cunha mirada de perplexidade. Sabe que é un pouco bicho raro porque el está alí facendo poemas mentres a xente trata de sobrevivir, nese estado de malestar. Ademais, eu nunca fixera antes iso de escribir nunha terraza. E iso producíame tamén certa sensación de desamparo, de pudor… Conto por exemplo nun poema que estaba un día escribindo a achegóuseme unha veciña da que, precisamente, estaba escribindo nese momento. Despois, como che dicía, está moi presente o paso do tempo. O efecto do tempo nas persoas: a xente maior… Mais tamén os adolescentes. (…)”