“Que a terra sexa leve sobre nós”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Hai algo nos vales que semella chamar pola destrución. Ou, se cadra, enunciándoo ao revés, conseguimos concluír en que o ser humano é o primeiro inimigo do seu hábitat. Botamos de menos o lugar que destruímos, mais primeiro formulamos a devastación. Encrobas, Pontes, Castrelo de Miño, Touro. Todas enchemos os ollos de xiros ao pasado, todas perdemos os ollos no lugar onde as silveiras prenderon os nosos dedos. O lugar xa non ocupa nada máis que memoria igual que os sitios da infancia teñen desaparecido. Se temos un pouco de sorte e de capacidade, ocupará versos.
Tempo fósil vén dese don. Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) achega con este quinto poemario unha voz nova que se suma á das perdas. Poemarios sobre casas matriciais que se pechan para sempre, locus amoenus vetados para un regreso, pedras que caeron e xa nunca volverán situarse na postura inicial que acolleu os berces. Esa pertenza á terra que nos recolleu os líquidos íntimos que se mesturan coa estirpe que agora a habita desde abaixo e a imposibilidade da volta é o eixo dos fondos versos da memoria do Tempo fósil de Pallarés, unha voz máis que referencial na nosa poesía e pola que sempre agardamos nun reverencial silencio. (…)”