“Ernesto Chao máis alá de Miro Pereira”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“(…) “Unha das súas facetas máis salientábeis é o seu labor en Escena Galega e despois na Asociación de Actores e Actrices de Galicia”, opina de entrada a actriz Patricia de Lorenzo, da compañía Chévere, “ao final, as asociacións profesionais cobraron peso grazas a persoas como Ernesto”. Detrás dos escenarios non só están os dramaturgos, os encargados de vestiario, os directores. O teatro, lembra o crítico Camilo Franco, precisa de certa “organización social” para existir.
Ernesto Chao botárase ás táboas desde o seu país natal. Que era o Ribeiro e, polo tanto, a paisaxe da histórica Mostra de Teatro de Ribadavia. “O fundamental en Ernesto Chao foi a súa pertenza a unha xeración con vontade de ser actores e de transformar esa vontade nunha profesión”, sinala Franco. Facer da intepretación un modo de vida. Metamorfosar unha vocación en emprego. Construír os alicerces do teatro profesional galego.
Para realizar esa estratexia, Chao percorreu practicamente todos os estadios do mundo teatral. Actor, empresario, mesmo director do Centro Dramático Galego entre 1986 e 1987. “Ao cabo, a súa quinta foi a primeira realmente preocupada por organizar o teatro e a cultura en xeral”, engade o crítico. Aqueles esforzos iniciados nos anos 70 servirían ademais para “os que viñeron despois”.
O escritor Antón Lopo, que se encargou do comentario teatral nos últimos meses do Diario Cultural -antes de que a dirección da Radio Galega decidise suprimilo como tal despois de 28 anos en antena-, fala de “segunda remesa” de profesionais do oficio. Despois de nomes como Manuel Lourenzo ou Xulio Lago, pioneiros do teatro contemporáneo, Ernesto Chao “sempre conectado a Eduardo Alonso”, a súa compañeira Rosa Álvarez ou Luma Gómez, impulsaron “a profesionalización e a institucionalización”.
Dinamizador e activista e tamén empresario -anota Lopo: “Porque na industria cultural, o papel do empresariado é crucial”-, o creador, canda Rosa Álvarez, da compañía Lagarta, lagarta púxose na pel de innúmeros personaxes en máis de 35 obras. Patricia de Lorenzo salienta Noiteboa, de Redrum, unha traxicomedia dirixida por Álex Sampayo. “Sorprendeume estes días descubrir que fixera de Ramón Sampedro nun telefilme, Condenado a vivir”, engade. Estreouse en 2001 e dirixiuno Roberto Bodegas.
Bardem e Amenábar opacaron ao pouco aquel traballo televisivo de Chao, que tamén recorda Camilo Franco. Pero foi na inmediatez do escenario teatral onde as súas capacidades interpretativas amosaron todos os seus matices. “Nos últimos anos, queixábase de que non había papeis para actores maiores”, di Franco, “o seu traballo na televisión acabou por constrinxilo. É un fenómeno que pasa habitualmente, pero para el, como actor, era estraño”.
E, porén, alén de Miro Pereira estaba o Chao que fixo varios Shakespeare con Teatro do Noroeste, entre eles O Rei Lear. Transitou un “deserto” despois dos 15 anos de Pratos combinados, e só atopou o seu lugar no tramo final, considera Franco. Por exemplo, como Fernández Albor de Fariña -“un papel curto pero no que estaba no seu sitio”- na televisión, ou en Aeroplanos, da súa propia compañía teatral.
O coronel ten a quen lle escribir -sobre un texto de Manuel Riveiro Loureiro– e na que fixo de militar, ou A canción do elefante, de novo para Redrum de Álex Sampayo e cun personaxe de psiquiatra, son pezas de Chao que destaca Antón Lopo. Para quen o actor “sempre agachou na súa ollada ese neno que foi, próxima a certa maneira de ensoñación, en papeis moitas veces conmovedores”.
Eses que lle permitiron, segundo conclúe Camilo Franco, afrontar a última etapa da súa carreira a partir “da decisión de explicarse a si mesmo. Porque parecía que, se te dedicas á comedia, non tes ambicións artísticas. E el tiña ambicións artísticas”.”