Tras as portas do rostro, por Verónica Martínez Delgado

Artigo de Verónica Martínez Delgado na Sega:
Tras as portas do rostro é o primeiro conxunto de poemas, xa que non foron concebidos de xeito unitario, de Marica Campo; unha escolma de corenta e dous poemas escritos durante vinte anos, desde 1971 ata 1990 que ven a luz en agosto de 1992. Conta cun prólogo de Pilar Pallarés e de Manuel María, que axudaron a darlle visibilidade á producción poética da escritora. Comenta o prologuista canto admira e goza da lectura de poemas desta poeta, e doutras autoras coetáneas ás que cita, facendo fincapé no valor da poesía escrita por mulleres e, moi especialmente, á de Marica Campo. Pilar Pallarés resalta a aconfesionalidade da obra, en como foxe da autobiografía para mostrar o colectivo, o “cerne do drama humano”.
Varios poemas deste libro foron musicados e popularizados polo grupo musical Fuxan os Ventos.
O título vén reflectido na primeira cita do libro dun poema da escritora Alejandra Pizarnik: “… pero pecha as portas do teu rostro/para que non digan despois/ que aquela muller namorada fuches ti”. Nesta obra recolle a máis autoras e autores, ademais de artistas, aos que homenaxea coa súa escrita, onde conformar un nós poético no que pon en valor as diferentes voces e manifestacións artísticas coas que identifica o seu propio eu artístico e voz poética.
O libro recolle poemas de diferente temática, ton, lonxitude e forma, ben orixinal nalgúns dos deles, aínda que todos cun fío condutor: o telúrico, a oda á nai terra, ás raíces, ás orixes, ao ser cando se posúe un lugar. De aí que o poemario comece co texto Apoteose da hebra, un canto ao mundo rural, ao Val de Mao, no Incio, matria da autora. Este universo telúrico compartirao anos despois coa escritora Olga Novo, no seu libro Cráter, moi próxima tamén xeograficamente, de Vilarmao na Póboa do Brollón. Aparecen outros temas ao longo do libro como son a existencia, o paso do tempo, a morte, o amor sempre nun continuo diálogo coa lectora e con ela propia como autora. O eu feminino que percorre toda a obra, diríxese a un interlocutor masculino nos poemas de temática amatoria, que nos lembra ás cantigas de amigo, no seu tratamento, mais o eu poético non agarda impasible, nin resignada, senón farta e cansa da espera. (…)”