Desde Erregueté (foto: Tamara de la Fuente – AAAG):
“Xan Cejudo (A Coruña, 1947), actor, director e autor teatral faleceu o 27 de setembro, segundo se acaba de saber. Cunha ampla traxectoria na escena teatral galega, a súa carreira profesional comezou a mediados da década de 1960 co grupo “O Facho”. Tras traballar con diferentes compañías, en 1984 comezou a colaborar co CDG tanto interpretando como dirixindo diferentes producións.
Cejudo facía parte da xeración de actores que puxo en pé o teatro profesional en Galicia e actuou en espectáculos do CDG, Teatro Circo, Teatro Tranco, Malbarate Teatro, Matarile ou Factoría Teatro (Tio Vania, con dirección de Cristina Domínguez, obra pola que se lle concedeu o Premio de Teatro María Casares ao mellor actor en 2006).
Cejudo actuou tamén en A noite vai coma un río (1986), O mozo que chegou de lonxe (1988), O incerto señor Don Hamlet (1991), A fiestra valdeira (1994), O Mariscal (1994), Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999), Si o vello Simbad volvese ás illas, Rosalía (2001), Seis personaxes á procura de autor (2005), Illa Reunión (2006) ou Noite de Reis (2007).
Dirixiu máis de vinte pezas, entre elas, A Pousadeira e A Burla do Galo, Códice Clandestino -pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Director-, Galimatías ou a coprodución entre o CDG e a compañía O Moucho Clerc DaVinci levaba razón.
Tamén foi profesor de teatro no Liceo Angloespañol de Madrid nos anos oitenta. No medio audiovisual producíu unha curtametraxe en 1975. Así mesmo, traballou como actor e guionista en longametraxes desde a segunda metade dos 90, e como intérprete en series de ficción da TVG a fins desta década.
Recibiu diversos premios como actor e director de teatro, entre eles, o Premio Maruxa villanueva; o Premio María Casares ao Mellor Actor por Tio Vania en 2006 e ao Mellor Actor secundario en 2008 polo seu traballo en Noite de Reis; e, en 2011, o Premio de Honra Marisa Soto.”