Desde Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): O día no que bicar a terra vén de acadar o XIII Premio Abrente da MIT de Ribadavia. Que destacarías deste texto ––en palabras do xurado–– ‘inclasificable’?
– AveLina Pérez (AP): Cústame bastante explicalo xa que perde forza, porque realmente o texto está escrito desde un lugar que –como sinalo no mesmo– foxe do entendemento. Evidentemente existe unha estrutura, aínda que esta sexa un paradoxo en si mesma ou unha contradición constante. Escribilo foi tentar xogar na escrita coas contradicións que, para min, supoñen a concepción que temos do teatro e, á vez, poñer esta dramaturxia en relación cun mundo que me molesta, conservador. Con estes xogos de conservación no teatro e no mundo configurei unha estrutura que protesta, pero tamén vaise adaptando dunha forma irónica.
– E: Achegando o teatro á vida?
– AP: Un constante ir e vir por lugares, asomándome a sensacións. Non quero contar as historias concretas, senón aproximarme a esas sensacións dos lugares ancorados, claros, da conservación; eses lugares onde as cousas son así porque si. O día no que bicar a terra é un texto a través do cal fun descubrindo cousas a medida que o escribía, dun xeito moi visceral por certo. Traballei desde un lugar que ía máis alá do entendemento.
– E: Desde ti mesma como creadora?
– AP: Máis ben foi a través de achegamentos sensoriais. Evidentemente escribes desde ti, pero non traballei neste texto ‘o lugar meu en’. Foi a visceralidade a que me levou a eses puntos, a ese descoloque.
– E: O xurado do Premio Abrente salientou d’O día no que bicar a terra que é “un reto, na liña das catedrais do ‘teatro irrepresentable’ que logo e, polo tanto, demostra a súa forte pulsión escénica, modernizadora e innovadora”.
– AP: Eu mesma estou barrenando en representalo porque é un texto moi complexo. Comeza dicindo que é necesario un director, ou unha directora, que non teña medo en empuñar un LAPIS VERMELLO e tachar todo o inservible, ou sexa: todo o texto. Pode borrar todo o texto pero ten que levar adiante o texto. Este é un punto de partida que define o que vai pasar logo na peza. (…)”