Santiago Prol: “A Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo”

Entrevista a Santiago Prol en La Voz de Galicia:
“Maceda será o escenario, mañá, do cuarto roteiro cultural que organiza a asociación Amigos de Francisco Carballo para pasear polos lugares nos que o intelectual e sacerdote -falecido en Salamanca no 2014- deixou pegada e formaron parte importante da súa biografía. Desta volta, o roteiro céntrase na vila de Maceda, comezando ás 11.30 na cafetería Castillo, para continuar cunha visita ao Museo do Médico Rural e cun acto central na biblioteca municipal Francisco Carballo, ás 12.15 horas.
– La Voz de Galicia (LVG): Cal é a motivación dos roteiros?
– Santiago Prol (SP): Carballo morreu en 2014, o 29 novembro e daquela decidimos facerlle unha homenaxe en Maceda. Bieito Seara decidiu facer unha asociación e eu, roteiros polos seus lugares, unha palabra que el dicía moito. O primeiro foi pola contorna de Asadur, a casa natal, o cemiterio. O segundo, por Vigo, Madrid, o terceiro pola contorna de Maceda e o santuario dos Milagres e o este cuarto, centrado na vila. O próximo será en Pontevedra, Queremos vindicar a súa figura e o seu legado. Era relixioso pero viviu de ser profesor universitario de Historia, sabía moito e creou unha escola de historiadores. Foi presidente da empresa editora de A Nosa Terra. Carballo da moita cancha. Foi teólogo, xornalista columnista, historiador e político.
– LVG: É aínda actual?
– FC: Na miña intervención, ao presentar a bitácora da asociación, www.fcarballo.blogspot.es -que ten dous anos de vida e 170 achegas- recuperarei a noticia da exposición do cadro de Castelao sobre o mestre Alexandre Bóveda cun post vencellado con isto. Carballo era un home incrible, tiña a potencialidade de estar actualizado con todo. Foi un intelectual de intelixencia impresionante. Este acto será na biblioteca que leva o seu nome. El legou todos os súa biblioteca persoal ao Concello de Maceda. Alí se proxectará un vídeo de Tareixa Navaza, o último da serie “Arredor de nós”, sobre Francisco Carballo.
– LVG: Pero en Maceda si era coñecido, non si?
– FC: En Maceda, si foi alguén central. Pero a Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo por ser cura e nacionalista. Non se entendía. Viña dun teologado en Salamanca e renunciou á carreira eclesiástica e a ser bispo para vir a Vigo a un piso de curas obreiros, a facer igrexa de base. A Maceda viña cada ano, polo verán, e quedaba coa xente na cafetería Castillo. Alí montábase unha tertulia pois el era un grande orador.
– LVG: Céntranse este ano na faceta relixiosa del?
– FC: Cada ano dámoslle un enfoque. Intentamos convidar a xente vencellada con el. Intervirán dous teólogos, Manuel Peleteiro, un cura progre dos Milagres, e Antón Gómez, ex cura obreiro da etapa de Vigo. Nos seus últimos anos, Carballo volveu a unha etapa máis interior, máis ao pensamento relixioso aínda que sen descoidar os demais. Sempre participou no mitin do 25 de Xullo na Quintana.”