O escritor Xabier López gaña coa novela 900 o XXX Premio Torrente Ballester en galego da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O escritor Xabier López coa novela 900 é o gañador da nova edición do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega. O xurado destacou a calidade desta “gran novela río” que ronda as cincocentas páxinas polas que o autor recibirá un premio de 25.000 €, a maior dotación da literatura na nosa lingua.
O xurado da XXX edición do Premio Torrente Ballester na modalidade de lingua galega decidiu escoller como obra gañadora unha “gran novela río” que foi presentada co lema Casa Tomada e o título 900. Unha vez aberta a plica, a obra resultou ser do escritor Xabier López, un autor cunha traxectoria xa consolidada e unha ampla obra que recibiu xa numerosos recoñecementos en distintos certames literarios.
A escritora Marica Campo, a investigadora e profesora da Universidade de Vigo, Ana Luna, e os escritores Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición do premio coa súa obra A través do fume, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaban parte dun xurado que destacou a “alta calidade das obras finalistas do certame, con novelas moi audaces e arriscadas”.
De 900, a obra gañadora, unha novela que supera as 500 páxinas, o xurado destaca que se trata dunha “novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor”. Define tamén a través do fallo a obra presentada por Xabier López como unha “novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século”. (…)”