“Poemas sobre cando puido reinar unha orde nova”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A poesía é tamén un exercicio sobre a propia memoria. Así parece enfocala Vítor Vaqueiro (Vigo, 1948) no seu último libro, 1968 (Laiovento, 2018). Mais nestes poemas, a memoria individual crúzase coa memoria colectiva e os múltiples rostros da rebelión constitúen a súa materia. “O 68 aínda é un ano tan significativo para a miña xeración…”, di, “puntualizo: para os que fan parte da miña xeración e non desertaron”.
Hai 50 medio século abriuse a talvez última oportunidade global para instaurar unha orde nova. As revoltas sucedíanse por todo o planeta. O poeta Vaqueiro deita unha ollada lírica sobre feitos que marcaron o mundo. Tamén Galiza. Tamén a el propio, que os viviu en primeira persoa.
“Galiza insírese daquela na corrente internacional”, sinala, e menciona tres significados acontecementos vertebrais no seu libro: o 68 de Compostela, unha potente revolta universitaria que se inicia en xaneiro; a resposta popular contra o encoro de Castrelo de Miño, “cando adquire forma por primeira vez o nacionalismo”; e a faixa que, na alameda de Santiago, saúda o Día da Patria de 1968 cun Viva Galiza ceibe e socialista.
“Daquela o Viva Galiza ceibe e socialista non era xa unha pintada infrecuente en Compostela”, relata. Á pancarta dedica a prosa poética 25 de julho, descritiva e cun aquel de Peter Weiss -devoción de Vaqueiro: “[…] nas suas pólas, pendurada uma faixa e na faixa, branquíssima, cinco palavras mínimas, de significação, não obstante, infinita, viva Galiza ceive e socialista, tudo petrificado para sempre na história”.
1968 organízase por textos datados nos axitados días dese histórico ano. O escritor Vaqueiro bota man dunha ampla cantidade de recursos estilísticos para levar adiante un proxecto en que traballou máis de catro anos. Do poema en prosa ao verso medido -fundamentalmente heptasílabos, endecasílabos e alexandrinos- ou ao versículo de inspiración beat. “En realidade, beben dos cantos de Ezra Pound”, corrixe, “con todas as distancias, porque xa me gustaría a min”. (…)”