Cuestionario Proust: Anna R. Figueiredo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Anna R. Figueiredo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Coido que se hai algo salientable é a lealdade e a facilidade para manter a calma nas treboadas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A convicción e a capacidade de mudar de opinión cando é preciso facelo, no debate, ante a evidencia. A tenacidade a someter a vida á razón e a ausencia de medo cara o cambio.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que o sexan, que queden cando menos mereza que queden ao meu carón, que me conten historias, que non se sorprendan dos meus silencios.
4.– A súa principal eiva?
– O tempo. Gustaríame saber máis, aprender máis, profundar máis. A tendencia ao control do incontrolable, a intención de observar todo desde moitos ángulos que fai que perda tempo e decisión nalgúns eidos cruciais da vida e pensamento.
5.– A súa ocupación favorita?
– Serei totalmente sincera, actualmente a miña ocupación favorita sería ler, ininterrompidamente, durante máis de dúas horas. Pero a vida non deixa, e trae outras ocupacións favoritas: ler mentres baño ás cativas, ler mentres espero o autobús, ler mentres agardo no coche a que a maior saia de inglés, escribir contos con elas… e na soidade da noite, baleirar a cabeza do mundo e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Son de natureza inconformista. Porén, o meu ideal de felicidade está confinado a moitos mini-ideais pequenos. A felicidade absoluta pode estar nun saúdo de mañá do whatsapp, ou na utopía de estar preto da familia elixida en ausencia de problemas de saúde ou monetarios. E tamén está en todos os pequenos recunchos de marabilla que atopamos polo medio.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sei cal é, pero ate formulala na voz aterrorízame.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ser chelista.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste país, gustaríame que cada día este país fose mellor para estar a aínda máis orgullosa do noso legado e cultura. E adoro Edimburgo, pero quedo co mar de Vigo.
10.– A súa cor favorita?
– Verde (malia que non o aparente). Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As calas.
12.– O paxaro que prefire?
– Gústanme moito os corvos e as pegas, son incriblemente intelixentes, tamén o pardal pola lembranza de meu avó, e as curuxas que teñen fama de desfalcar o aceite das Igrexas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Que difícil! En cada momento do ano acabo devecendo por ler ou reler algunha obra ou algunha autora ou autor, pero coido que se pensase en libros que nunca deixo tería que recorrer a Francisco Castro (dunha vez deixei un libro seu e merquei outro por se acaso), Camilo Franco, Luisa Castro, Anna Gavalda, Martin Amos, Siri Hustvedt, Nick Hornby, Truman Capote, Begoña Caamaño ou Jack London.
14.– E na poesía?
– Na poesía son unha recén chegada, catívame María do Cebreiro, Ismael Ramos, Miriam Ferradáns, Emma Pedreira… No formato poético sempre fun máis de cancións desde os Clash ata a Creedence.
15.– Un libro?
A chamada da selva, de Jack London.
16.– Un heroe de ficción?
– Sherlock Holmes.
17.– Unha heroína?
– Doutor Who.
18.– A súa música favorita?
– Se hai algún grupo ao que sempre volvo, independemente do momento da miña vida, son os Clash, Sandinista paréceme unha verdadeira obra mestra. E se non son os Clash, quedo cos Beatles, David Bowie, Dylan, Anna Calvi, The Doors, Yann Tiersen, Tori Amos e a versión de Leonor Watling de Semilla Negra. Para empezar.
19.– Na pintura?
– Pollock, Kandinsky, Velázquez, O naufraxio da medusa (adoro esa obra), Castelao, Banksy, Dave Mckeen, Michael Zulli.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non me gustan os heroes da vida real, os heroes adoitan a non ter defectos e a grandeza da realidade é que ten aristas. Si que admiro a xente como Athenea Donald ou calquera que se atreva a traballar no réxime de autónomos neste país.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes das miñas fillas son Moira e Alma, é doado averigualos, se fosen nenos serían Galván e Ymir.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A incoherencia entre os pensamentos e os actos.
23.– O que máis odia?
-A falta de liberdade, a falta de opcións, o gregarismo fanático. A obriga a ir por un único rego sen posibilidade de crítica.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non sei tanto de historia como para emitir este xuízo, alén dos sempre nomeados, seguro que hai individuos anónimos que fixeron bastante mal e que non quedaron retratados na historia canónica. Probablemente quedase con moitos señores feudais, caciques, donos de plantacións, escravistas, etc…
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Por desexar, gustaríame ter unha comprensión intuitiva do sentido da música, o ritmo, a lectura, as combinacións de tonalidades…
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Non contestamos todos que non nos gustaría morrer? Pero se se pode pedir calquera cousa, coma o Doutor Manhattan.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Na procura dun novo reto en aparente calma externa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inxenuidade, a timidez, o despiste.
30.– Un lema na súa vida?
– #Nomedalavida.”