Gonzalo Hermo: “Quixen reivindicar os encontros físicos, sexa coa contorna, co outro ou coa propia poesía”

Entrevista de Montse Dopico a Gonzalo Hermo en Praza:
“(…) – Praza (P): Desde o primeiro poema hai unha relación entre a entrada no corazón do bosque e a volta do poema. Por que? Como xorde esa primeira idea da volta ao bosque?
– Gonzalo Hermo (GH): Un libro de poesía parte dunha idea, dunha imaxe ou dun alento, pero é sempre un proceso aberto onde adoitan aparecer elementos que o poeta non tiña previstos. En Celebración ese elemento non previsto foi o bosque, un bosque no que se dicía que non había tempo de entrar. Precisamente o que propón A vida salvaxe é entrar nese bosque. O elemento sorpresa que apareceu n’A vida salvaxe foi o vento. Non tiña ningunha intención de escribir sobre el e resulta que está por todas as partes. (…)
– P: A fraga, a foresta, implica paz, liberación: non hai lingua, nin signo, nin idioma. O que hai é o balbordo da vida: a diversidade (en desorde) das cousas, dos animais… Nun estado de “conciencia borrada”. É como a busca dun lugar pre-social, pre-lingüístico, desde o que atopar a paz, e desde el construír o poema. (Que dea conta do mundo e sexa o mundo en si mesmo, como di outro poema). É algo así? Por que?
– GH: Si que hai algo prelingüístico na natureza que me interesa moito. Algo que non se verbaliza, que sinxelamente acontece. Interesábame achegar o poema a esa posición de acontecemento anterior ao simbólico. En realidade, é algo ilóxico porque o poema escríbese con palabras (e non con emocións, ideas ou experiencias; con palabras e só con palabras). No entanto, a poesía tamén é esa posibilidade da lingua onde a propia lingua está a “flor de pel”. É un espazo desde onde se pode imaxinar o nacemento das cousas, incluída a propia linguaxe. (…)
– P: Corpo, corazón e calor son tres conceptos que aparecen tamén frecuentemente asociados nos poemas. Por que? (Corpo, calor, estaban moito en Celebración. Tamén poden vir de Celebración, por exemplo, os insectos…)
– GH: Son conceptos que sinto como propios. Aparecen e reaparecen nos meus poemas e non fago nada para evitalo. É así e procuro non darlle demasiadas voltas.
– P: Podería dicirse que o poemario se divide en dúas partes. A segunda sería o chamado epílogo, que é unha sorte de autopoética. Por que esa estrutura
– GH: Para min o libro remata co poema que se titula «A vida salvaxe». O epílogo, eses «7 achados sobre o poema», é un engadido que reflicte algunhas aprendizaxes que fun adquirindo ao longo do proceso de escrita. Estiven moi tentado de non incorporalo á edición, pero ao final aí o está, separado do conxunto, pero formando un todo co libro. Hai xente que me dixo que é o que máis lle gusta, así que está ben que estea aí. (…)”