Entrevista de Montse Dopico a Pilar Pallarés en Praza:
“(…) – Praza (P): “Da ruína da razón nace a palabra/ que busca regresar, romper o cerco”. Por que nace a palabra da ruína da razón [Tempo fósil]? Que relación hai entre estes versos e a túa decisión de publicar pouco (pasaron 7 anos desde a última vez)?
– Pilar Pallarés (R): A palabra esixe nacer “da ruína da razón” para non estar predeterminada por esta, isto é, coutada pola lóxica das relacións causa-efeito, polos límites espaciais e temporais, pola moral de todo tipo. Ten que ver con escreber, (máis que publicar) pouco?
Seguramente, porque non é doado para min libertarme da razón. Deixo que ideas, sensacións e intuicións vaian levedando até que unha imaxe que parece chegar por si soa de algures ou un ritmo sexan o detonante do poema, co mínimo control da razón. O discurso que desta xorde é sempre previsíbel.
– P: Neste mesmo primeiro poema do libro pode lerse: “o incendio da memoria/ mentres se parte o esternón da casa”. O libro nace do feito da destrución da casa familiar con motivo da ampliación do aeroporto de Alvedro. Que te impulsou a escribir nese momento?
– R: A casa foi derrubada, con outras setenta, a finais de 2011. Eu acababa de publicar naquel momento Leopardo son e literariamente andaba noutros territorios, mais escrebín entón tres poemas que co tempo foron o xerme do libro. Un deles é o que o abre, e non tiña outro obxecto que fixar na memoria, para min, algo do que desaparecía coa casa, neste caso as árbores e plantas da horta e do xardín, seres vivos ignorantes da destrución á que estaban destinados.
Outro é o que comeza “Soña / un fémur co seu can”. Ten a ver cun texto en prosa que perguntaba “onde estarán os ósos dos animais da casa?”, os que facían da horta un pequeno camposanto. Os dous poemas ficaron aí, e só varios anos despois deron orixe ao poemario.
– P: “Aquí os nenos nunca xogaron a atopar tesouros./ Eles eran os primeiros poboadores/ e este só chan de exilio./ Raíces, como moito”, di o terceiro poema. Por que era aquel lugar “chan de exilio” para os nenos?
– R: Porque a construción da casa nun terreo herdado, nunha leira na aba dun val, sen viciños, sen outros nenos, foi o primeiro desterro. Talvez por iso non hai nostalxia no libro, porque o que desaparece é un lugar en moitos aspectos odiado.
Doi a “morte” da casa porque é o soño dunha vida mellor para os pais, porque apenas fundada xa é condenada á desaparición, porque nada parece deixar rasto. Doi tamén a condena de todos os seres vivos non necesariamente humanos que a poboan e que son arrasados. (…)”