“Incansábel explorador do próximo”

Desde Sermos Galiza:
Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo é unha das primeiras achegas á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2019. Nesta biografía orientada a lectoras novas, Héctor Cajaraville rescata quen, ao seu ver, “foi o personaxe de maior repercusión do mundo da cultura no século XX”.
Cajaraville (Compostela, 1974), novelista e profesor, explícase. “Hai dúas razóns. A primeira, a súa lonxevidade. Fraguas naceu en 1905 e morreu en 1999. Atravesou o século. A segunda, o seu vínculo con todos os movementos importantes de Galiza e o seu carácter de elo entre o moito que había antes de 1936 e o pouco que quedou despois”, afirma. O seu paso polas Irmandades da Fala, a súa proximidade á Xeración Nós, o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos ou a súa militancia no Partido Galeguista certifícano.
Represaliado polo fascismo, que ademais de expulsalo da docencia pública obrigouno a borrar pintadas a prol do Estatuto republicano, foi máis tarde parcialmente restituído. “Pero a el non lle gustaba falar do tema, non lle daba importancia. Centrou todos os seus esforzos en construír un legado cultural do que era perfectamente consciente”, sinala Cajaraville. E que consistiu, sobre todo, en observar o próximo, dignificar o popular, rexistrar o que se esvaecía, analizar o desprezado.
Máis de 300 referencias bibliográficas e o que, talvez, foi a grande obra da súa vida iniciada xa na etapa serodia -a fundación do Museo do Pobo Galego- enmarcan a súa produción intelectual tanxíbel. Porque a intanxíbel atópase nos centos de alumnos aos que lles aprendeu o valor do que os rodeaba. “Fraguas era un descubridor. Non foi un erudito de despacho. Botábase a andar e dar con castros, con xacementos megalíticos… Alguén o definiu como un Indiana Jones das corredoiras”, lembra o autor de O bo mestre, o mestre bo (Xerais, 2019). (…)”