Día de Rosalía de Castro 2019

24 de febreiro de 2019
Co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e da Deputación da Coruña
Foto da actividade

Pode descargarse o cartaz en formato .pdf aquí.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.

 

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019

*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.

*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento

*Manifesta o poema

o espolio                     dunha perenne miseria,

as violacións                a roupa de cote puñéronma en tiras,

a inxustiza social          sin abrigo tembra,

os desafiuzamentos      embargaránnos todo,

o abuso laboral            que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno

os éxodos                    en errantes hordas.

Do XIX ao XXI

*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada

*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais

raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero

vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño

Dun golpe!

                                – Manifesta acción o poema

*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.

*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.

*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen

*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.

Do XIX ao XXI

*Escrito en medio de todos-los desterros. Manifesta que sabe que non a escoitan

*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.

*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.

*Indóciles nos camiños desertos eses versos.

*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.

*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei

Ana Romaní

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#LibreOMeuPensamento_rdc_19

 

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

Nesta ligazón poden descargarse tamén as indicacións sobre a procedencia dos versos rosalianos utilizados no Manifesto.


Actos promovidos pola AELG

Acto central

O 24 de febreiro. ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago, vai ter lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre.

O domingo 24 de febreiro, ás 12:00 horas, terá lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre. Este é o programa:

– Coral da Asociación cultural e musical Solfa

A Rosalía Letra: Manuel Curros Enríquez

Música: J. Alfredo Oliveira

 

– Coral da Asociación cultural e musical Solfa

Cantiga do meu muíño Letra: Fiz Vergara Vilariño

Música: Baldomero Iglesias, arranxos F. Tobar

 

– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias

 

– Lectura do Manifesto da AELG

Ana Romaní

 

– Lectura de poemas rosalianos

Amelia García Hervella

Carlos Jiménez

Luz Méndez

Marga Pazos

Ana Pérez

Belén Regueira

Eva Sandino

Pilar Leiva

Aldara Lueiro Oliveira e Mencia Iglesias Otero, e Xerardo Rodríguez e Paco Susavila

Lucía Veciño

 

– Coral da Asociación cultural e musical Solfa

Has de cantar Letra: Rosalía de Castro

Música: Antonio B. Celada Alonso

 

– Coral da Asociación cultural e musical Solfa

Na beira do mar Letra: Rosalía de Castro

Música: Antonio B. Celada Alonso

 

– Ofrenda floral

 

– Interpretación do himno

 


Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora Ana Romaní.

A Coruña

A AELG e a A. C. Alexandre Bóveda realizan unha lectura pública da obra de Rosalía, o domingo 24 de febreiro, ás 18:00 horas, diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.

Convidámoste a achegarte para participar lendo a obra da nosa poeta máis universal. Se tes escollido o poema que queres ler fáinolo saber neste correo: secretaria.xeral@aelg.org e xa cho reservamos.

 

Lugo

 

Actos organizados por outras entidades

Arteixo

Os 19 e 22 de febreiro, ás 11:00 horas, na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, Ana Hermida (Lisístrata Asociación) achegará a figura de Rosalía ao alumnado do IES Manuel Murguía con “Tecín soia a miña tea”, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía.

Este ano celébrase a quinta edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Haberá 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG e tamén fará unha dramatización da obra á Rosalía de Castro, mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.
A cita con Rosalía e coa poesía será o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

Betanzos

Desde o Concello de Betanzos, como en anos anteriores, súmanse á celebración do Día de Rosalía cunha programación ao longo de todo o mes de febreiro que terá como acto central unha gala o 22 de febreiro.

Boiro

Durante o acto de presentación do libro Xeración perdida. Representatividade institucional e represión. As corporacións municipais da provincia da Coruña na II República, nun acto que terá lugar o venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social do concello de Boiro (R/ Principal, 77 – Boiro), haberá unha lectura de poemas da Rosalía de Castro. Podedes traer os vosos textos e participar coa vosa lectura nesta homanaxe.

 

Cervo

O 24 de febreiro, ás 12:00 horas, a A. C. R. Fervenza de Sargadelos organiza un acto de presentación de varias obras de Antía Yáñez, sumarase á lectura do Manifesto da AELG.

 

Cospeito

O 24 de febreiro, no Museo das Aves de Cospeito, terá lugar un acto organizado polo Concello de Cospeito e Culturalia GZ, en colaboración coa AELG, que consistirá primeiramente na lectura do Manifesto elaborado por Ana Romaní. Deseguido virá o momento do recital de poemas rosalianos ou de autoría da/-o participante e que aludan á autora homenaxeada. Ademais dun grupo de poetas convidadas/-os, tamén se contará coa participación de estudantes do centro de ensino de Cospeito e/ou arredores e calquera outra persoa que desexe recitar ou amosar o seu aprecio pola figura de Rosalía.
Para a divulgación deste evento cóntase coa cesión dunha imaxe de Rosalía realizada dixitalmente pola artista Adolfina Mesa, quen tamén traballou na elaboración do cartaz anunciador. Ao remate do acto tamén se ten previsto a entrega de diplomas ás persoas participantes para deixar constancia da súa intervención neste día de celebración rosaliana.

 

Guitiriz

O sábado 23 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Habaneira, e no marco do acto de entrega dos premios do #CertameVilariñas2018 e a homenaxe a Alfonso Blanco, presidente da A. C. Xermolos, terá lugar un acto poético e musical polo Día de Rosalía de Castro 2019.

 

Outeiro de Rei

A Casa-Museo Manuel María organiza unha pequena homenaxe popular, o domingo 24 de febreiro, ás 12:30 h, frente á Casa-Museo, en que se intercalará a música co recitado e a lectura de poemas de Rosalía.
A maneira coa que se pode participar nesta actividade pode ser calquera destas:
– Alborada para Rosalía. Cada grupo tradicional ou as gaiteiras e gaiteiros que se queiran anotar (contacto@casamuseomanuelmaria.gal), tocarán, unha peza en honra de Rosalía (poderá ser a Alborada ou outra que queiran). Esta actividade está promovida pola Asociación de Gaiteiras/os Galegas/os e a Fundación Rosalía.
– Rosalía na túa voz. As persoas que queiran poderán recitar ou ler un poema de Rosalía. Para isto cómpre enviar, para non repetir poemas, un correo electrónico (contacto@casamuseomanuelmaria.gal) co nome da persoa, o poema que vai ler ou recitar e un número de teléfono de contacto.
– Asistindo e gozando da actividade.

 

Santiago de Compostela

O venres 23 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 19:30 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas, Tecín soia a miña tea, por Ana Hermida (Lisístrata Asociación). Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra…

 

O sábado 23 de febreiro, a partir das 18:00 horas, A Sega máis a A Lila celebran o 182 aniversario de Rosalía de Castro. Haberá merenda, xogos, poesía e… sorpresas! ;). Le o teu texto de Rosalía favorito e entra…

 

 

Actividades nos centros de ensino

Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:

  • CEP Carlos Casares de Alxén, Salvaterra de Miño. Participará o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. Co resto do alumnado: 1º, 2º, 3º e 4º, faremos un programa de radio onde recitarán os seus poemas.
  • CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle.
  • CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume). O 22 de febreiro levará a cabo a celebración do Día de Rosalía coa actividade EU SON ROSALÍA, que forma parte do seu Proxecto Plurianual, “O GALEGO NAS NOSAS MANS”. Este curso 2018-2019 unirán o PDI do centro: “Bo Proveito!!” con poemas de Rosalía nos que fala da comida e da fame. A actividade na que participará todo o colexio, consistirá en posar ante un gran mural coas fotos de Rosalía, portando cartolinas cos seus versos. Posteriormente, con todo o material farán unha presentación que divulgaremos mediante o blog A Casqueira, a web do centro, o blog da Biblioteca “O Xardín do Pasatempo” e os blog de aula. Tamén durante toda a xornada soará música cos poemas de Rosalía polos corredores do colexio.
  • CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela. O alumnado fará unha manifestación no centro portando as pancartas cos versos de Rosalía asociados a unha inxustiza social.
  • CEIP O Pombal (Vigo).
  • CEIP Os Tilos (Teo).
  • CEIP Plurilingüe A Torre-Cela. Durante os recreos, o alumnado voluntario participa coas suas ideas e creatividade na creación dun mural semllante á do cartaz. Ademais, mandaremos para facer coas familias un pequeno traballiño de creatividade e busca de verbas de Rosalía relacionadas coa etiqueta e co noso proxecto de centro, “O despertar das sementes”. Así mesmo, o día 22 faremos unha lectura en alto na biblioteca de poemas de Rosalía.
  • CEIP Plurilingüe Andrade (Pontedeume). O alumnado de Educación Infantil e Primaria fará un recitado de poemas de Rosalía arredor destas temáticas: acción e loita por Galiza, os éxodos (emigración), os desafiuzamentos, a inxustiza social, o abuso laboral e o maltrato. Acompañando o recital, presentaranse imaxes actuais alusivas a estas temáticas.
  • CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz. O 22 de febreiro levaranse a cabo varias actividades. Entre elas, faranse marcapáxinas con debuxos e poemas, flores de papel e un mural-collage con debuxos do alumnado máis novo do colexio. Ademais, farase un recital entre todo o alumnado e profesorado do centro.
  • CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro (Vilagarcía).
  • CEIP Plurilingüe Virxe do Mar de Narón.
  • CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral. Seguirase a proposta da AELG coa elaboración dunha pancarta reivindicativa por aula.
  • Colexio San José de Cluny. A Federación de Escolas Católicas en Vigo celebra o Día de Rosalía o venres 22 de febreiro, de 10:00 a 12:00, coa participación de sete centros, co alumnado de 5º de Educación Primaria, sendo preto de 500 alumnos e alumnas, máis o profesorado acompañante. A xornada consistirá na celebración de Obradoiros rosalianos, un espectáculo lúdico-teatral-musical e a posterior lectura de textos de Rosalía, así como do manifesto, e entrega de agasallo-lembranza.
  • CPI Ponte Carreira.
  • CPR Plurilingüe La Merced (Sarria). Elaboraranse pancartas reivindicativas por parte do alumnado de 5º e 6º de EP e da ESO coa posterior manifestación no centro portando as pancartas cos versos de Rosalía asociados a unha inxustiza social. O resto do alumnado fará outro tipo de actividades relativas á figura de Rosalía de Castro (recitado de poemas, debuxos alusivos a escritora e á mani-FESTA-acción, etc.)
  • IES Agra do Orzán (A Coruña). Profesorado e alumnado participarán recitando a Rosalía con diferentes acentos (francés, brasileiro, ruso, senegalés, etc.).
  • IES Auga da Laxe de Gondomar (Pontevedra). O 22 de febreiro farase a lectura do manifesto elaborado por Ana Romaní para este día e mais o recitado por parte dos alumnos dalgúns poemas da autora. Esta actividade realizarase durante o recreo no vestíbulo do noso centro. Tamén difundiremos o lema “Na fronte, unha estrela; no bico, un cantar”, inspirado no poema “A Rosalía” de Curros, e así convidaremos a que ese día todos levemos na fronte unha estrela (de pegatina que suministraremos ás persoas que queiran) e no bico un cantar (o recitado de textos).
    Ademais, durante a semana, colocaremos algúns textos nas paredes dos corredores e escaleiras, co lema e a data, para ir creando ambiente.
  • IES Miraflores (Oleiros).
  • IES Pedregal de Irimia (Meira). O alumnado participa no Día de Rosalía recitando poemas con acompañamento musical. A actividade será gravada en vídeo e difundida a través das redes sociais do centro.
  • IES Valle-Inclán (Pontevedra). Faremos lecturas da obra de Rosalía e do manifest(o)acción elaborado por Ana Romaní, na Biblioteca do centro o día 22 de febreiro. Daremos visibilidade e mobilidade ao Acróstico Rosaliano (R= Revolución; O= Ortoño; S= Sombra; A= Afouteza; L= Libre; Í= Inmensa; A= Actual). Outras aulas seleccionarán e comentarán versos da autora, poñéndoos en relación coa actualidade desde o día 19 ata o 22 de febreiro. Elaborarán pancartas reivindicativas para unha posible Mani-Fest-Acción no centro.

Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de CastroA AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:

A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.