O Corgo: Xosé Luís Vázquez Somoza no Primeiro Club de Lectura no Palco

Desde o Concello do Corgo:
“A biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo acolleu o pasado venres 22 de Setembro o primeiro Club de Lectura do PALCO. Este encontro literario entre un escritor ben coñecido e os seus lectores foi organizado no marco do Proxecto CORGORAL, co propósito de fomentar a convivencia entre a veciñanza e consolidar unha comunidade cultural propia nas Terras de Chamoso.
Inscribíronse nesta orixinal iniciativa máis de unha ducia de persoas, entre as cales figuran o cura párroco do Corgo, Oscar G. Murado, a coñecida actriz Benedicta Sánchez, o profesor Xosé Manuel Castro Castedo, as responsables do Punto de Atención á Infancia do Corgo…
A obra escollida nesta ocasión foi a novela de intriga O conserxe, escrita por Xosé Luís Vázquez Somoza. O evento contou coa presenza do autor, que, ao longo de case dúas horas, compartiu cos seus lectores varios dos segredos que se acochan nas páxinas deste grande éxito editorial, recentemente incorporado aos fondos bibliográficos do PALCO.”

O Corgo: presentación do Contos tradicionais do Corgo

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, comprácese en anunciar a presentación oficial do libro de recompilacións titulado Contos tradicionais do Corgo, coordinado por Lois Ladra. O acto terá lugar na biblioteca do PALCO – Punto de Atención á Lectura do Corgo este xoves 27 de Xullo, a partir das 20:00h. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos e moi especialmente orientada á veciñanza corguesa e ás persoas interesadas na literatura popular de transmisión oral. Todas as persoas que asistan ao lanzamento desta obra recibirán un exemplar de balde.

O Corgo: presentación do Refraneiro tradicional do Corgo

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e grazas ao traballo participativo desenvolvido en colaboración co alumnado do CEIP Plurilingüe do Corgo e do CPI Ramón Piñeiro, presenta a publicación monográfica que recolle a edición especial do Refraneiro tradicional do Corgo. O acto público e totalmente gratuíto, terá lugar o sábado 17 de decembro, a partir das 18:30 na biblioteca do PALCO (Punto de Atención á Lectura do Corgo). Trátase da primeira recolla sistemática efectuada no concello, contendo máis de catrocentos refráns. Todas as persoas que asistan á presentación levarán de balde cadanseu exemplar. A xornada completarase con varias actividades máis, no ámbito do programa da XVI edición do Certame Literario Terras de Chamoso: apertura musical a cargo da A. C. A Legua Dereita, entrega de premios, recitado das poesías gañadoras e actuación do cuarteto vocal Son de Corda, seguido polas Cegas de Ouselle.

Polafía O Corgo

A Polafía O Corgo é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e o Proxecto Corgoral, que conta co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello do Corgo.

Biblioteca do Punto de Atención á Lectura (O Corgo).
Terá lugar o sábado 24 de setembro a partir das 18:00 h. A entrada é libre até completar capacidade.

Coas intervencións de:
– Marco A. García (Secretario do Concello do Corgo).
– Óscar G. Murado (Cura párroco do Corgo).
– Jesús Abuín (Cronista oficial e fillo predilecto do Concello).
– Roberto Besteiro (Grupo de música tradicional A Legua Dereita).
– Consuelo Vázquez (Asociación Cultural Arumes).
– Mario Outeiro (Centro de Estudos do Corgo).
– Lolo da Vila (Oleiro e ceramista artesán).
– Manuel Rodríguez (Asociación Os cinco ríos).
– Xosé Manuel Castro (Profesor do ensino secundario).
– Benedicta Sánchez (Actriz de cinema e Medalla Castelao).
– Antonio López (Último artesán do ferro en activo na Terra de Chamoso).
– Domingo Pérez Lidor (Xuíz de Paz).
Lois Ladra (Coordenador do Proxecto Corgoral).
Antonio Reigosa (Coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG).

Vila Real: presentación de Religiosidade popular e mitos fundacionais no Douro Transmontano, de Lois Ladra

O 11 de novembro, ás 16:00 horas, no Auditório da Biblioteca Municipal Dr. Júlio Teixeira (Rua Madame Brouillard) en Vila Real, Portugal, preséntase o número 24 da IV Série dos Cadernos Culturais, Religiosidade popular e mitos fundacionais no Douro Transmontano, de Lois Ladra.