Morre Giuseppe Tavani, un dos maiores expertos na lírica medieval galego portuguesa

Desde Sermos Galiza:
“Á súa constancia investigadora débense algúns estudos canónicos do corpus da lírica medieval galego portuguesa: A poesía lírica galego-portuguesa (1986), A poesía de Airas Nunez (1992) ou en colaboración con Giulia Lanciani As cantigas de escarnio (1995). O profesor romano Giuseppe Tavani morreu esta sexta feira aos 95 anos.
Catedrático de filoloxía románica na Universidade de Roma I, foi Honoris Causa pola de Compostela. De “filólogo maxistral, amante da poesía e grande amigo de Galiza” cualificábao o sociolingüista e académico Henrique Monteagudo nunha introdución en 2011 a unha conferencia de Tavani sobre Martin Codax.
Os seus libros de temática galego portuguesa publicáronse en Galaxia. Mais o romano tamén foi especialista en líricas catalá -en 1968 publicou en italiano Poesía catalá de protesta-, francesa e provenzal. A maiores, encargouse de numerosas traducións de literatura galega e portuguesa ao italiano.
A Xunta de Galiza concedeulle a Medalla Castelao.”