Lugo: presentación do número 21 da revista Xistral, Revista Lucense de Creación Poética

Información achegada por Toño Núñez, coordinador da revista:
“O xoves, 28 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Lugo, presentouse o número 21 da revista Xistral, Revista Lucense de Creación Poética.
A revistra Xistral foi creada por Manuel María no ano 1949, cando tiña 21 anos e aínda non publicara Muiñeiro de Brétemas (1950). Un proxecto de xuventude que fundou en compañía do seu amigo Manuel Antonio Sopena. Pero, daquela, tan só deron sacado dous números en edición bilingüe. Aínda así, neses dous números chegaron a publicar, ademais de Manuel María, autores da talla de Cunqueiro, Pimentel e Aquilino Iglesia Alvariño.
Despois de medio século de silencio, no ano 2000, o Concello de Lugo recuperou a idea e puxo a andar de novo a Revista Xistral co subtítulo de Revista Lucense de Creación Poética. En realidade, a iniciativa quen a toma é Camilo Gómez Torres, que fora alumno de Manuel María en Monforte e, a esas alturas xa, un bo amigo do poeta. O propio Manuel María autorizou esta renacenza e, mesmo, chegou a escribir un texto de presentación para o número 3, número co que se iniciaba a segunda etapa desta revista. Será, pois, Camilo Gómez Torres, amigo persoal do poeta de Outeiro de Rei, quen se faga cargo da coordinación desta e das sucesivas edicións, dende a número 3 ata a número 20, converténdose no verdadeiro mantedor e dinamizador deste proxecto poético. Camilo Gómez Torres, exprofesor do IES Lucus Augusti de Lugo, realizou un traballo ímprobo con absoluta discreción, dándolle á revista unha personalidade singular.
Xistral é unha revista de poesía cun denominador común: a pluralidade. Poetas, homes e mulleres, de todas as idades, procedencias e con moi diferentes traxectorias poéticas e vitais; dende poetas que son xa referentes na poesía galega contemporánea, ata outros/as que comezan a dar os seus primeiros pasos na creación poética. Diversidade, igualmente, na temática, no estilo, na forma…
Pero, no ano 2017, Gómez Torres pediu o relevo e o número 21 sae baixo a coordinación de Toño Núñez, quen procurou darlle continuidade a un proxecto totalmente consolidado.
O Consello de Redacción desta publicación está integrado, dende o número 3, por Luz Pozo Garza, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a concelleira de Cultura do Concello de Lugo; nestes últimos anos, Carmen Basadre.
Cabe salientar que todos os distintos grupos políticos que tiveron responsabilidades de goberno no Concello de Lugo dende ese ano 2000, creron no proxecto e mantivérono vivo.
Xistral 21 conta coas achegas de 77 poetas (44 homes e 33 mulleres) e con 144 páxinas, ao longo das que se van debullando preto duns 150 poemas. E con sete marabillosas e poéticas ilustracións da autoría do recoñecido artista lugués Christian Villamide, que axudan a que estas 144 páxinas se fagan moito máis atractivas aos nosos ollos. Tamén poderiamos salientar que a familia Xistral segue a medrar e que son varias as voces poéticas que publican por primeira vez en Xistral neste número.
O acto estaba previsto que rematase cunha sinxela, pero sentida, homenaxe a Camilo Gómez Torres, e coa entrega duns simbólicos agasallos. Mais, un imprevisto fixo que o acto tivese que quedar interrompido cando xa faltaba pouco para finalizar. Buscarase data e lugar para poder darllle un final axeitado.”